ALCALDÍA

Visita á renovada rúa do Home Santo

30/09/2011 O alcalde compostelán, Xerardo Conde Roa, visitou a rúa do Home Santo, unha vez rematadas as obras de reurbanización, nas que se investiron 1.357.012 euros.

As obras afectaron a un tramo da rúa da Angustia, a rúa do Home Santo (ata as escalinatas do Aturuxo) e a travesa do Home Santo (ata a avenida do Lugo). Esta actuación supuxo unha transformación integral destas rúas, con novos pavimentos e a renovación total dos servizos.

As obras implicaron o levantamento e a eliminación total de pavimentos e firmes existentes, conservando unicamente as redes de servizos máis profundas. Solucionáronse as carencias en electricidade e abastecemento, colocando a rede de gas e renovando todas as conexións dos diferentes servizos básicos aos edificios.

Tras esta intervención instaláronse novos firmes e pavimentos, ampliando as beirarrúas. Nestas colocáronse baldosas prefabricadas de formigón e bordo de granito. Para a calzada optouse polo aglomerado asfáltico.

Unha das intervencións máis singulares foi a renovación da praza triangular, pavimentada con lousas de granito, que se estenderon ao tramo inmediato da rúa, baixo as árbores existentes, procurando unha ampliación visual da mesma. Nesta área tamén se forraron os muros, colocáronse bancos de madeira e plantáronse rubidoras aromáticas.

Compartir: