ALCALDÍA

Conde Roa: "Non se pode executar a estación do AVE antes de que estea redactado o planeamento de desenvolvemento"

27/09/2011 "Non podemos comprometer o desenvolvemento urbanístico da cidade polas presas electorais", apuntou o alcalde compostelán, Xerardo Conde Roa, a propósito da futura estación do AVE. Indicou que dende o Concello non se autorizará o financiamento da estación grazas a aproveitamentos urbanísticos que impliquen a construción dun novo centro comercial.

Segundo o alcalde, "non se pode executar a estación antes de que o planeamento de desenvolvemento estea redactado". Por iso, non entende como se pode convocar un concurso para elixir o proxecto de estación cando o plan especial de desenvolvemento desta área de 11 hectáreas non está feito. "Non sabemos como este proxecto vai afectar ao tráfico, aos accesos ás persoas ou ao comercio", dixo

Ademais, engadiu que non se vai permitir que "a ordenación urbanística da cidade se faga por un organismo alleo á mesma", en referencia a ADIF". Neste sentido, apuntou que isto sería renunciar a unha competencia municipal que mesmo se indica no protocolo de colaboración asinado o 3 de novembro de 2009 por Concello, Fomento, Xunta e ADIF, no que se di que "o Concello é titular das competencias de ordenación, xestión, execución e disciplina urbanística". En calquera caso, afirmou que "en dous anos non se fixo nada por desenvolver este plan especial".

Lembrou que o anterior Goberno municipal clasificara o solo co obxecto de financiar a estación do AVE, fixando uns aproveitamentos urbanísticos nos que a edificabilidade máxima lucrativa se fixaba en 53.170 euros, establecendo un máximo de 1.000 metros cadrados de uso hoteleiro, un uso comercial dentro da estación dun máximo de 5.000 metros cadrados e un mínimo de 2.000, un uso comercial non vinculado ao dotacional de 12.000 metros cadrados e un uso residencial non superior a 16.000 metros cadrados, ademais doutros usos terciarios

Oposición aos aproveitamentos comerciais e residenciais
Conde Roa manifestou a súa oposición a ese uso comercial e residencial. "Con aproveitamentos baseados en novos centros comerciais non se vai a realizar a estación", asegurou, recalcando a "hipoteca" que para a cidade e para o comercio suporía unha superficie deste tipo. Tamén se amosou contrario á construción dunhas 160 vivendas neste ámbito. "Tal como están os aproveitamentos no convenio, se ADIF persiste, estamos dispostos a modificar o Plan Xeral de modo que se supriman eses usos", aclarou.

"Non imos financiar a estación con diñeiro dos composteláns", indicou o alcalde a propósito dos aproveitamentos urbanísticos e mesmo da cesión do Concello a ADIF do 10% do aproveitamento que lle correspondería, fixada tamén no protocolo de colaboración. Fronte a isto, Conde Roa demanda que ADIF "poña diñeiro dos seus orzamentos", porque "si se pretende financiar a estación cos aproveitamentos urbanísticos, non o imos autorizar".

O alcalde reiterou que o Concello "non vai participar da barbaridade urbanística que se pretende facer". Por iso, afirmou que se acudirá ao concurso para elixir o proxecto da estación unicamente para manifestar todas estas consideracións.

Finalmente, quixo deixar unha mensaxe de tranquilidade e evitar confusións, manifestando que "a estación actual está adaptada para a chegada do AVE", polo que "non ten nada que ver a chegada do AVE coa construción da estación". Ademais, insistiu na súa defensa do mantemento da actual estación e deixou unha idea. "Ao mellor é máis interesante nestes momentos que o que os cartos que se van gastar na estación se gasten no soterramento das vías do tren", dixo, pensando na conectividade da cidade coas Brañas de Sar e a Cidade da Cultura.

Compartir: