CONSORCIO

O Museo da Catedral reabre logo dunha profunda remodelación

23/09/2011 Logo de varios meses de obras o Museo da Catedral de Santiago reabre as súas portas con varias estancias renovadas e adaptadas ás últimas esixencias museísticas. Esta acción enmárcase dentro dos proxectos de posta en marcha do plan de obras do Plan Director da Catedral e foron financiados grazas ao programa do 800 Aniversario da Catedral de Santiago, xestionado dende o Consorcio de Santiago.

Os traballos realizáronse sobre as dúas primeiras plantas do Museo, sen afectar á súa estrutura arquitectónica. Esta renovación crea un novo discurso museolóxico, centrado en contar ao visitante a historia da Catedral de Santiago a través das pezas expostas, cun forte sentido didáctico e pedagóxico.

Os traballos de mellora, que en total afectaron a unha terceira parte do total do conxunto do Museo, seguen as directrices marcadas no Plan Director da Catedral para o edificio claustral, no que se prevé realizar futuras obras que permitan acondicionar novos espazos, situados nos baixos do Claustro, e ampliar a propio Museo.

De forma paralela, a partir desta reapertura, incorporáronse elementos multimedia, un servizo de aluguer de audioguías e unha nova edición da guía do Museo. Así mesmo, reforzouse a seguridade e levouse a cabo unha nova instalación eléctrica. O investimento total achégase aos 400.000 euros, procedentes do programa do 800 Aniversario da Catedral de Santiago, declarado acontecemento de especial interese público polo Goberno de España e xestionado polo Consorcio de Santiago.

Ademais, está previsto, para o presente curso escolar, reforzar o programa de difusión que leva a cabo cada ano cos centros educativos así como programar campañas especiais de visita gratuíta para que os composteláns coñezan a súa Catedral e o rico patrimonio cultural que custodia no seu Museo, por calidade de coleccións e número de visitantes un dos principais de Galicia.

Estes traballos de remodelación veñen continuar aos realizados en 2005 na Sala de Goya, e son previos a unha segunda fase que vai permitir a adecuación, entre outras, das salas de Tapices.

Com motivo desta reapertura, o alcalde e presidente do Consorcio de Santiago, Xerardo Conde Roa, realizou unha visita ao Museo. Tamén participaron na mesma o xerente do Consorcio, Xosé Manuel Villanueva; o deán da Catedral, José María Díaz; o coengo presidente da Comisión de Cultura da Catedral, Daniel Lorenzo; e o director do Museo da Catedral, Ramón Yzquierdo.

Documentos relacionados



Compartir: