TURISMO

A sinalización turística da cidade estará lista a finais do mes de decembro

20/09/2011 A concelleira de Turismo, Reyes Leis, mantivo unha reunión co Foro de Directores de Hoteis e coa directiva de Hostalería Compostela, na que abordaron asuntos como o posicionamento do destino de Santiago en Internet, a sinalización hoteleira, os proxectos gastronómicos, a incentivación do turismo de congresos ou a defensa do aeroporto de Lavacolla.

Un dos temas da reunión foi o plan de sinalización, que estará listo a finais de decembro, segundo anunciou a concelleira na reunión. Tamén en relación a esta cuestión, os directores dos hoteis consideraron esencial a xeolocalización en tempo real, de xeito que se unha rúa está cortada ou se hai un bolardo se efectúe o desvío de forma inmediata. Reyes Leis comprometeuse a estudar este tema, ao igual que o da reposición dos sinais retirados durante o Xacobeo a causa das obras e o da actualización dos sistemas de GPS.

En materia gastronómica, falouse do Fórum Gastronómico, previsto para finais de febreiro de 2012. O obxectivo plantexado na reunión é o de vencellar gastronomía, territorio e restauración de calidade. Tamén nesta materia, a Asociación Hostelaría Compostela solicitou que o proxecto gastronómico da Praza de Abastos se aborde coma un proxecto de cidade para a consolidación de Santiago como destino gastronómico.

Outra das cuestións sobre as que se debateu na xuntanza foi a incentivación do turismo de congresos como ferramenta de desestacionalización, e doutras accións para diversificar a oferta turística. Neste sentido, falouse de accións para a fidelización de clientes unha vez cegados a Santiago e de potenciar actividades vinculadas ao turismo señor, arquitectónico, relixioso ou idiomático. Promover o turismo internacional e por en valor estratexias cara a satisfacción do peregrino e o coidado da imaxe dos Camiños de Santiago son outras iniciativas previstas.

Foro en defensa do aeroporto
O aeroporto non faltou entre os temas da reunión e apostouse por crear un foro para a defensa de Lavacolla como aeroporto central de Galicia. Nesta materia, Hostelería Compostela comprometeuse a ir da man do Concello de Santiago. Propúxose a apertura deste foro a outros concellos e áreas de Galicia, co fin de que non sexa interpretado en clave localista.

O Concello tamén se comprometou a colaborar na organización de viaxes de Press Trips e Fam Trips en Compostela, a través de visitas guiadas ao Concello, a Cidade da Cultura ou outros lugares significativos da cidade.

Ademais, abordáronse fórmulas para mellorar o posicionamento do destino Santiago en internet, así como para loitar contra a oferta de aloxamentos ilegais e contra a publicidade enganosa a través da rede. Finalmente, a concelleira de Turismo anunciou que convocará unha reunión de varios departamentos municipais para tratar sobre os problemas de accesibilidade a algúns establecementos comunicado polos directores dos hoteis.

Estas e outras cuestións serán tratadas periodicamente, xa que quedou fixada unha reunión mensual entre Turismo de Santiago e Hostelería Compostela.

Compartir: