CENTROS SOCIOCULTURAIS

Bota a andar a Semana Cultural da Rocha

20/09/2011 O concelleiro de Participación Cidadá e Centros Socioculturais, Francisco Noya, inaugurou a VII Semana Cultural da Rocha "A memoria da xente". As actividades prolongaranse ata o sábado 24 de setembro.

Serán cinco días nos que haberá xogos populares, charlas, teatro, unha festa e exposicións. Unha delas, titulada precisamente A memoria da xente, serviu de marco para a inauguración da Semana Cultural. No acto tamén houbo unha sesión de contos de antes a cargo de Celso Sanmartín.

A xornada do mércores 21 destinarase á exposición Retrátate e á proxección de documentais, curtas e filmes cedidas polo CGAI. A mostra seguirá aberta tamén os dous días posteriores.

Tras os talleres de xogos populares e inventos (18.00 horas), o xoves 22, haberá unha charla sobre a historia do Psiquiátrico de Conxo con Fernando J.P. Ponte Hernando, doutor e ex xerente deste centro. Será a partir das 20:30 horas.

Para o venres quedan os talleres de informática e unha representación a cargo do Grupo de Teatro da Rocha, que porá en escena Benvido Mr. Cajapouco.

A Semana Cultural rematará o sábado 24 coa Festa de Santa Eufemia. Dende as 17:00 horas, tempo para os xogos tradicionais, a chave, o baile con As Revoltosas de Conxo, unha sardiñada e a música co dúo Gran Marea.

Compartir: