XUNTA DE GOBERNO

Operación de tesourería por catro millóns de euros para afrontar pagos a provedores

19/09/2011 A Xunta de Goberno adxudicou unha operación de tesourería por catro millóns de euros, que permitirá facer fronte aos pagos pendentes a provedores con maior antigüidade. Tamén se aprobou a modificación da taxa fiscal pola apertura de establecementos.

A operación de tesourería aprobada presenta un xuro do 3,98%, cunha liquidación de xuros ao vencemento da póliza por importe de 28.350 euros. Segundo explicou a voceira da Xunta de Goberno, Paula Prado, esta medida ten por obxecto "adiantar pagos a provedores".

"Somos conscientes de que moitos provedores viven unha situación moi complicada e o Concello non os quere asfixiar aínda máis do que o fai a propia realidade económica". Esta operación, suxeita aos ingresos do cobro do IBI, permitirá afrontar as facturas máis antigas.

Taxa pola apertura de establecementos
Por outra parte, o Goberno local aprobou a modificación da ordenanza fiscal 3.10, que regula a taxa pola apertura de establecementos. Explicou a edil que esta medida soluciona un baleiro legal existente a raíz da aplicación da normativa Omnibus. Esta, recordou, permite a propietarios de determinados establecementos abrir o seu negocio baixo unha declaración responsable. Entón, o Concello ten un prazo de tres meses para realizar a correspondente inspección para verificar a declaración e conceder entón a licenza de actividade. Estes trámites municipais implican unha taxa consistente nunha porcentaxe da licenza, pero esta tarifa non estaba aínda fixada.

Sobre este tema, Prado indicou que a intención municipal é axilizar os prazos nos que o Concello fai esta inspección, "pois non ten sentido que un establecemento estea funcionando tres meses e logo, de non cumprir os requisitos, sexa pechado".

Sentenzas xudiciais favorables
Por outra parte, a concelleira informou de dúas setenzas xudiciais favorables ao Concello. A primeira delas rexeita un recurso presentado por un local nocturno da rúa Alfredo Brañas contra o seu peche cautelar e permitirá executar de inmediato ese peche. Tras recordar que esta rúa é unha das zonas declaradas saturadas de ruído, indicou que este local tiña licencia de cafetería, pero viña funcionando na realidade como pub after hour. Nese sentido, por estar aberto ata pola mañá e ser frecuente a presenza de xente no seu exterior, recalcou tamén o prexuízo que este establecemento causaba ao descanso dos veciños da zona.

A outra sentenza xudicial fai referencia a unha pastelería desta mesma rúa Alfredo Brañas, que tiña solicitado licenza para instalar mesas e cadeiras e funcionar como cafetería. Precisamente por ser esta rúa zona saturada de ruído, rexeitouse no seu día o cambio de licenza. A xustiza veu a ratificar aquela decisión.

Festivos 2012
Outro dos asuntos tratados na Xunta de Goberno foi a elección dos festivos locais para 2012. Serán o 19 de marzo, San Xosé, e o 16 de agosto, San Roque. A elección do primeiro está xustificada pola coincidencia o xoves 17 de maio da Ascensión co Día das Letras Galegas, que xa é festivo autonómico.

Compartir: