ALCALDÍA

Os vehículos antigos volven ao Casco Histórico de Compostela

19/09/2011 Despois do seu paso por Compostela con motivo das Festas do Apóstolo, os automóbiles clásicos volven á cidade da man da I Concentración de Vehículos Históricos "Compostela Monumental". Máis de 50 coches participarán neste evento, que se celebrará o sábado 24 entre as 11:00 e as 20:00 horas.

O programa desta concentración foi presentado nunha rolda de prensa na que participou o alcalde, Xerardo Conde Roa, quen expresou a súa satisfacción pola celebración do evento na cidade, recordando que outros semellantes teñen lugar nas principais cidades europeas. Destacou a beleza dos máis de 50 vehículos xa inscritos.

Tamén participaron na presentación o presidente de Compostela Monumental, José Manuel Bello, e o presidente do Automóbil Club de Galicia, Juan Carlos Pérez, quen se encargou de expoñer o programa da xornada. En torno ás 11:00 horas reuniranse os vehículos no Obradoiro. Alí o alcalde recibirá os participantes, antes de que, en torno á 13:00 horas, emprendan un pequeno percorrido pola cidade.

Xa pola tarde, a sede da Confederación de Empresarios de Galicia (rúa do Vilar) acollerá unha serie de conferencias. As dúas primeiras abordarán a configuración do automóbil de dúas etapas: 1836-1936 e 1936-1986. Encargaranse respectivamente das mesmas o vicepresidente da Federación Española de Vehículos Antigos (FEVA), Ángel Jove; e o copatrono do RACE Ramón Roca. A continuación celebraranse outros dous relatorios sobre mecánica.

Nesta I Concentración de Vehículos Históricos "Compostela Monumental" participarán vehículos de todo tipo e de todas as décadas. Mesmo desfilarán catro vehículos industriais e dous automóbiles militares que estiveron na Segunda Guerra Mundial. Os máis de 50 vehículos proceden de distintas partes de Galicia.

Compartir: