ALCALDÍA

O alcalde compostelán anuncia un investimento duns 50 millóns de euros en 2012 grazas a acordos con empresas privadas

19/09/2011 O alcalde compostelán, Xerardo Conde Roa, actuou como relator nun novo almorzo informativo do "Fórum Europa. Tribuna Galicia". Na súa intervención anunciou un investimento municipal en 2012 duns 50 millóns de euros, grazas a acordos con empresas privadas.

Tras ser presentado polo presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, o alcalde reiterou a intención do Goberno municipal de afrontar unha auditoría do Concello: "Non podemos adoptar un sólido plan de goberno ata coñecer en que se gastou ata o último euro e onde se empregaron os 66,5 millóns de euros que temos de débeda bancaria adquirida e ampliada nos anos de maior bonanza da economía española". Así, mirando ao presente, indicou que "hai que aforrar, xestionar mellor, dotar de mellores recursos aos funcionarios, motivalos e darlles obxectivos claros".

Malia as limitacións orzamentarias, defendeu a necesidade de diñeiro para investir en benestar e apuntou os avances producidos nos primeiros meses de mandato municipal. "Estou en condicións de anunciar que, a través de acordos con empresas privadas, investiranse no próximo ano en torno a 50 millóns de euros, mediante a posta en marcha de iniciativas concertadas con empresas ás cales este Goberno lles merece credibilidade". Tamén co fin de impulsar sectores económicos que "no seu día foron vitais para a cidade e que hoxe están practicamente parados, anunciou cambios relativos ao pago das licenzas urbanísticas, ás liquidacións sobre o ICIO ou ao apoio externo de estudios de arquitectura para informar as licenzas.

Outra parte da intervención de Conde Roa xirou en torno ao aeroporto de Lavacolla, a penas dous días despois da presentación da nova terminal, que cualificou como "sinal claro de futuro para Santiago e Galicia". Tamén falou da Cidade da Cultura e da Universidade, á que brindou a colaboración do Concello. Lamentou o deterioro do campus universitario e indicou que este "está para algo máis que para celebrar botellón, como irresponsablemente viñeron favorecendo algúns e aínda seguen sostendo". "Loitamos contra el porque cremos que obxectivamente está mal, porque o consumo de alcohol nos mozos deixa secuelas a longo e medio prazo, porque se producen accidentes de circulación e, por suposto, se molesta gravemente aos veciños, alterando o seu descanso, ademais de destrozar o mobiliario urbano", indicou, demandando igualmente aos pais a súa responsabilidade.

O alcalde rematou a súa intervención expresando a "vontade de acordo coas outras cidades e municipios de Galicia e o acordo coas administracións, porque aquí teñen lugar moitos dos acontecementos que marcan a vida da nosa comunidade. Agora ben, que ninguén confunda ese papel coa debilidade ou con non saber defender a nosa singularidade, que non é localismo, senón a defensa dun modelo de cidade que afonda como poucas as súas raíces nunha longa tradición histórica".

Compartir: