CULTURA

Teatro do Morcego estrea "American Café"

14/09/2011 Teatro do Morcego estrea o xoves 15 American Café, obra de R. Mohamed, adaptada por Henrique Harguidey baixo a dirección de Celso Parada. Repetirán función á mesma hora, 21.00 horas, o venres 16. As entradas están xa á venda na web de Novacaixagalicia e poderán mercarse tamén os días de función na billeteira do Teatro Principal, en horario de 12:30 a 14:00 e de 18:00 a 21:00 horas, a un prezo de 7 euros en butaca, platea e primeira planta; 5 euros na segunda planta; e 3 euros no anfiteatro.

"Nunha América imaxinaria, cerca da fronteira, entre o cemiterio e a gasolineira, un bar sen idade, na encrucillada de camiños, un refuxio para as almas solitarias. Alí non viven máis ca uns poucos marxinais, un vello negro, que tira a matar para facerse respectar, un vendedor de polo frito, unha camareira guapa e coa cara medio paralizada, que agarda polo amor. Un día, Larry Stocker, o célebre animador de talk-show, entra pola porta... Mentres un arqueólogo anda tras os rastros dos vestixios dos indios...". Iso é American Café, que será posto en escena por María Salgueiro, Xavier Deive, Carlos Mosquera, "Mos", Antonio F. Simón, Marcos Vieitez e Celso Parada.

Teatro do Morcego é unha compañía fundada no ano 1989 polo actor e director Celso Parada e Isabel Ávila. Mantén a súa actividade ininterrompida dende entón, recibindo premios como os Compostela por Misterio cómico e Doberman; María Casares por Lazariño de Tormes, e sendo finalista en varias ocasións. Realizou importantes montaxes como O burgués fidalgo, de Molière; Os vellos non deben de namorarse, de Castelao; A grande ilusión, de Eduardo de Filippo; ou Morte accidental dun anarquista, de Darío Fo.

Na compañía traballaron e traballan importantes actores galegos como: Maxo Barjas, Luísa Merelas, Santi Prego, X. Estévez, X. Carlos Mosquera "Mos", Carlos Blanco,Paco Campos, Miguel Varela, Mundo Villalustre, Gonzalo Uriarte, E. R. Cunha "Tatán", Pepa Barreiro, Casilda García, Sonia Rúa, Salvador del Río, Miguel Pernas, Elina Luaces, Iolanda Muíño, etc.

Compartir: