ALCALDÍA

Os ourives mostran ao vivo o seu traballo artesanal sobre a prata e o acibeche

09/09/2011 A Asociación Ourives de Compostela realizou unha demostración na praza do Toural. O alcalde compostelán, Xerardo Conde Roa, asistiu a esta exhibición en vivo, na que se puido observar o traballo artesanal que se segue realizando en moitos talleres de Compostela sobre dous materiais moi significativos para a cidade e o mundo da peregrinación como son a prata e o acibeche.

Na actualidade, a ourivaría forma parte da identidade cultural máis profunda de Galicia e vén de ser almacenada na sabedoría dos oficios tradicionais, permitindo a produción de obxectos de todo tipo. Culto e maxia fúndense no acibeche, a pedra por excelencia dos peregrinos a Compostela. Ademais das súas numerosas e beneficiosas atribucións, ocupa un lugar imprescindible como pedra ornamental da ourivaría artesanal compostelá.

Son moi numerosos os obradoiros que traballan, especialmente en Santiago, a ourivaría e a talla do acibeche dentro do que se podería identificar como estilo tradicional, aínda que nalgúns casos, tamén se está a empregar este material en deseños modernos. Froito desta tradición, a Asociación Ourives de Compostela ten entre un dos seus obxectivos, conseguir a diferenciación da ourivaría e acibechería artesanal xenuína de Compostela, fronte á invasión de imitacións industriais e foráneas.

Nas demostracións participaron os artesáns Julio Lado, Ricardo Rivas e Soledad Mato, mostrando a composteláns e visitantes as particularidades desta arte secular, realizando diferentes procesos de elaboración coa prata e co acibeche.

Compartir: