BENESTAR SOCIAL

Entrega de diplomas aos participantes no campamento de conciliación familiar do Urbana Santiago Norte

09/09/2011 O Campamento de Conciliación Familiar Xoga e vive a multiculturalidade, incluído no Urbana Santiago Norte, concluíu coa entrega de diplomas aos participantes. A concelleira de Familia e Benestar Social, Paula Prado presidiu a cerimonia, celebrada no CEIP Apóstolo Santiago.

Trinta rapaces, alumnos e alumnas do CEIP Apóstolo Santiago participaron neste campamento, que se desenvolveu dende o 1 de Setembro neste centro escolar en sesións matinais de 08:30 a 14:30 horas. Grazas ao mesmo, os rapaces, de idades comprendidas entre os 3 e os 12 anos, participaron en actividades recreativas e de lecer.

O Equipo de Dinamización Social Urbana Santiago Norte-SS.SS, en colaboración coa Asociación de Nais e Pais de Alumnos do Colexio de Educación Infantil e Primaria Apóstolo Santiago, levou a cabo este proxecto, partindo das necesidades detectadas na zona USN e das propias demandas feitas pola Asociación. O programa permitiu aproveitar as infraestruturas e as posibilidades que brinda o colexio para a realización de actividades durante os días considerados non lectivos no calendario escolar, aínda que laborais para os pais e nais.

O campamento Vive e xoga coa multiculturalidade tivo un dobre obxectivo. Por un lado, foi un espazo para facilitar na Zona Urbana Norte a conciliación das vidas laboral e familiar. Polo outro, e baixo o lema da multiculturalidade, deu a coñecer aos rapaces e rapazas da Zona Urbana Santiago Norte a nosa propia cultura e tamén doutros lugares do mundo, e promoveu o respecto pola diversidade.

Partindo desta iniciativa, o Equipo de Dinamización Social Urbana Santiago Norte-SS.SS, traballa no deseño de proxectos e programas que teñan coma finalidade clara conciliar a vida laboral e familiar, mediante a realización de actividades e actuacións coeducativas, socioculturais e de ocio. Isto traducirase en medidas destinadas a crear na Zona Urbana unha rede de servizos e programas orientados a esta conciliación.

Esta iniciativa está incluída na medida denominada Programas de dinamización social, igualdade de oportunidades, formación e educación de colectivos en risco de exclusión no marco do Proxecto Urbana Santiago Norte, cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER).

Compartir: