CULTURA

O Consello Reitor do Auditorio nomea a Miguel Fernández-Cid e Ángel Sicart como membros de recoñecido prestixio cultural

08/09/2011 O Consello Reitor do Auditorio de Galicia reuniuse na Casa do Concello para nomear os dous membros de recoñecido prestixio cultural. Elixiron a Ángel Sicart e Miguel Fernández-Cid, que a partir de agora son oficialmente membros do Consello Reitor.

Ángel Sicart Giménez é doutor en Xeografía e Historia e licenciado en Filosofía e Letras (Sección Historia da Arte) pola Universidade de Santiago de Compostela. Dende entón é profesor na Facultade de Xeografía e Historia da devandita Universidade e membro do Departamento de Historia da Arte. Entre 1993 e 2005 foi director xeral de Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia.

Exerceu como profesor en Roma de Historia da Arte no Instituto Español de Lingua e Literatura e é membro correspondente da Real Academia Española de Belas Artes de San Fernando, así como membro do Comité Español de Historia da Arte. Foi membro da Comisión da Cidade e o Camiño de Santiago, integrante da Comisión do Patrimonio Histórico do Consello da Cultura Galega, e membro do Consello de Fábrica da Catedral de Santiago, entre outras entidades. Impartiu numerosas conferencias e cursos de especialización en distintas universidades españolas e estranxeiras, dos que en boa parte foi o seu director, sendo autor de distintos libros e traballos en revistas especializadas.

Miguel Fernández-Cid é licenciado en Xeografía e Historia (Sección Historia da Arte) pola Universidade Complutense de Madrid; profesor de Crítica, Estética e Arte do Século XX na Facultade de Belas Artes de Salamanca (1988-92) e Pontevedra (1993-95) e membro do Consello Asesor Académico para os Estudios das Áreas de Ciencias da Comunicación na Universidade Francisco de Vitoria de Madrid (dende 1998).

Escritor e crítico de arte en xornais e prensa especializada, en 1995 funda Arte y parte, revista bimestral de información artística, que edita e dirixe en Madrid ata 1998. Autor dunha decena de libros sobre arte contemporánea e comisario de exposicións, patrono do Real Patronato da Fundación Museo da Casa da Moeda, Madrid (1991-93), vocal do Consello Reitor do Instituto Valenciano de Arte Moderno, IVAM, Valencia (1996-2000) e, dende 2006, patrono da Fundación Ortega Muñoz, Badaxoz.

Entre 1998 e 2005 foi director do Centro Galego de Arte Contemporánea, CGAC, de Santiago de Compostela. Dende abril de 2010 é director xerente da Fundación Gonzalo Torrente Ballester, tamén en Santiago.

Compartir: