CULTURA

Unha ampla e diversa programación cultural para o mes de marzo

01/03/2006 "A programación cultural para o mes de marzo é ampla e diversa para responder a diferentes demandas dos cidadáns". Así cualificaba o concelleiro de Cultura do Concello de Santiago, Néstor Rego, a programación cultural prevista para este mes de marzo na cidade.

Correspondendo co décimo aniversario da Real Filharmonía de Galicia, a orquestra ofrecerá un concerto, o venres 3 ás 21.00 horas no Auditorio de Galicia, que estará dirixido polos directores, Antoni Ros Marbà e Maximino Zumalave. Rego explicou que a Real Filharmonía "está situada entre as mellores orquestras do panorama musical español e desenvolve unha labor importante de promoción da música".

Doutra banda un ano máis chega ao Auditorio de Galicia o ciclo Sons da Diversidade que nesta edición contará coa presenza dunha das voces máis representativas do movemento Nova Troba Cubana, Pablo Milanés, que presentará o seu último traballo "Como un campo de maíz".

Esta non é a primeira vez que o cantautor visita a nosa cidade onde conta cun importante número de seguidores. Rego asegurou que ten "a certeza de que será un éxito en canto á afluencia de público". Pablo Milanés actuará, o domingo 5 ás 21.00 horas, no Auditorio de Galicia. As entradas poderanse conseguir no mesmo Auditorio a véspera, en horario de12:00 a 14:00 e 17:00 a 20:00 horas ,e media hora antes do concerto.

O Casino de Santiago acollerá o Ciclo Literario Poeta en Compostela. Nese marco presentarase, o xoves 16 ás 19.30 horas, o libro "Aquí intemperies".

Do 27 ao 31 de marzo Compostela celebrará a Semana Kurda como resultado das relacións de colaboración que nos últimos tempos Santiago mantén co Concello de Diyarbakir. Os días 27, 28 e 29 o Teatro Principal acollerá tres proxeccións de cine Kurdo e, o xoves 30 ás 20.30 horas, na Galería Sargadelos impartirase unha conferencia titulada "A realidade Kurda, hoxe". Nela estarán presentes o escritor e xornalista, Manuel Martorell, e Aysel Tugluk, colíder do partido Kurdo DTP.O 31 haberá un concerto de música Kurda.

Durante todo o mes a capital galega será o escenario de diferentes representacións teatrais e conferencias como celebración do Día Internacional da Muller que se celebra o 8 de marzo. Así, o Teatro Principal acollerá a representación, o martes 14 ás 21.00 horas, da obra "É cousa de mulleres" de Cabaret Colectivo Soberanas. Nesta representación participan algunhas das mellores cómicas galegas como Iria Piñeiro, Pilar Pereira, Natalia Outeiro "Pajarito" e Clara Gayo entre outras. Este acto está organizado pola Vicepresidencia de Igualdade e do Benestar e a Consellería de Cultura da Xunta de Galicia.

Néstor Rego amósase satisfeito porque durante todo o mes de marzo Compostela será o escenario de distintos actos organizados por outras institucións como é a celebración dunha nova edición do Festival de Teatro Universitario.

Documentos relacionados



Compartir: