ALCALDÍA

O Concello de Santiago adherirase á Rede de Dinamización Lingüística

08/09/2011 O secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, manifestoulle ao alcalde o interese da Xunta de Galicia en que Santiago se adhira á Rede de Dinamización Lingüística posta en marcha pola Administración autonómica e as entidades locais. Xerardo Conde Roa expresoulle a total disposición do Concello a sumarse a esta iniciativa de dinamización social da lingua.

Conde Roa agradeceu ao secretario xeral de Política Lingüística que faga partícipe desta Rede ao Concello de Santiago, "porque pensamos que a dinamización social é unha vía moi importante para conseguir unha normalización total da nosa lingua". Tamén lle amosou a dispoñibilidade municipal a colaborar noutro tipo de iniciativas no ámbito do fomento social da lingua galega.

Lorenzo recordou que case 100 entidades xa están adheridas Rede de Dinamización Lingüística. Sobre as actividades da mesma, que decide a súa propia área técnica, indicou que teñen como obxectivo "activar e sensibilizar á sociedade galega cara a utilización da lingua. E aí temos sectores que son prioritarios, como a mocidade, onde temos moito que traballar". Neste sentido, apostou por darlle á xente nova "actividades, recursos e ferramentas para que coñezan a lingua e poidan usala en todo tipo de situacións".

Compartir: