DEPORTES

I Andaina Solidaria a favor de Unicef

08/09/2011 O concelleiro de Deportes, Adrián Varela, presentou en rolda de prensa I Andaina Solidaria Santiago de Compostela a favor de Unicef, organizada polo Club Deportivo Fontiñas. Sairá da praza do Obradoiro ás 10:00 horas do domingo 18 de setembro.

Os fondos recadados nesta camiñada serán destinados aos programas de saúde, educación e protección infantil de Unicef en todo o mundo. Os que queiran participar poden inscribirse ata o 15 de setembro, achegando 5 euros, na tenda que Unicef ten na Carreira do Conde, 2.

Segundo indicou Adrián Varela, esta iniciativa vai na liña da Concellería de Deportes de "fomentar a práctica da actividade física e saudable". Pero ademais, neste caso únese unha vertente social e recreativa, porque "nos axuda a coñecer entornos próximos a nós que descoñecemos e a promover valores solidarios que, co día a día, imos perdendo".

Tamén Silvia Prieto, en representación de Unicef destacou a importancia de "desenvolver valores como a cooperación ou a solidariedade". Por iso fixo un chamamento aos cidadáns de Santiago para participar nesta andaina, pois "cunha pequena achega podemos conseguir moito". Puxo como exemplo que os 5 euros que custa a inscrición permitirían mercar 35 vacinas contra a polio e vacinar a 11 nenos.

Pola súa parte, o presidente do Club Deportivo Fontiñas, Mariano Val, explicou que este ano se quixo compaxinar a tradicional camiñada ao Pedroso que organizan dende hai dez anos para este labor solidario. Así, adiantouse a data para a realización deste percorrido, duns 9,5 quilómetros, que partirá da praza do Obradoiro ás 10:00 horas e chegará á Granxa do Xesto, no Pedroso, en torno ás 13:45 horas.

Recordou que á chegada á meta, repartiranse entre os participantes unhas camisetas conmemorativas da andaina. Agarda unha boa participación na proba, que dependerá en boa medida de que o clima acompañe. Na edición de 2010 da camiñada ao Pedroso participaran máis de 200 persoas.

Compartir: