ALCALDÍA

Visita á residencia de maiores da Fundación José Otero e Carmela Martínez

06/09/2011 O alcalde compostelán, Xerardo Conde Roa, visitou xunto co presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e a conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, a residencia de maiores da Fundación José Otero e Carmela Martínez. O centro, construído en terreos cedidos polo Concello, xa está funcionando dende hai uns meses.

O centro da Fundación José Otero e Carmela Martínez é a terceira residencia pública da cidade, coas de Porta do Camiño e Volta do Castro, ás que hai que sumarlle as dúas privadas de Outeiro do Castiñeiriño e San Lázaro. A Fundación construíu a residencia e, ademais, contribuirá economicamente á conservación do edifico e das instalacións a partir do segundo ano e durante 20 anos, cunha cantidade de 30.000 euros anuais.

A residencia, situada en Pontepedriña, a carón do Parque Eugenio Granell, ten capacidade para 150 prazas e unha superficie útil de máis de 8.000 metros cadrados. O deseño do edificio, singular, foi obra do arquitecto César Coll.

Durante a visita, o presidente da Xunta agradeceu á Fundación José Otero e Carmela Martínez a súa xenerosidade pola construción deste "excelente centro social" e ao Concello de Santiago pola cesión dos terreos. Na residencia traballan 76 persoas.

Compartir: