CENTROS SOCIOCULTURAIS

Obradoiros, teatro, cine, baile e xogos na XXVI Semana Cultural de Conxo

05/09/2011 O concelleiro de Participación Cidadá e Centros Socioculturais, Francisco Javier Noya, inaugurará o martes 6, ás 20:15 horas, no Centro Sociocultural "Aurelio Aguirre" de Conxo, a Semana Cultural de Conxo. O propio edil, acompañado do técnico Xulio Noia, presentou a programación dunha edición número XXVI que contará con teatro, exposicións, obradoiros, baile, cine, monicreques e outras actividades lúdicas.

As actividades da XXVI Semana Cultural de Conxo comezarán o martes 6, ás 18:00 horas, cun taller de pintura para nenos e actividades lúdicas na Aula de Xogo. Logo, ás 19:30 horas, o Grupo de teatro Infantil do CSC de Conxo, dirixido por Edita A. Silva, representará Esta si que é desgraza, de Fina Casalderrey. E xa ás 20:15 horas abrirase a exposición Campos liñais, de Maribel G. Dos Anjos, dando así por inaugurada a Semana Cultural.

O mércores 7 haberá tai chi na praza Aula Aberta a partir das 18:30 horas. E a continuación, novo taller de pintura, neste caso para adultos, e baile tradicional coa Asociación de Música Tradicional de Conxo. Xa pola noite, ás 22:00 horas, primeira sesión de cine ao aire libre na praza Aurelio Aguirre (se chovera celebraríase no centro sociocultural).

A xornada do xoves 8 comezará ás 18:00 horas cun taller de xogos denominado Unha viaxe lúdica a través do mundo. Tamén pola tarde, ximnasia para a saúde, unha xincana ciclista e sesión de pilates e fit ball. O cine ao aire libre volverá ás 22:00 horas á praza Aurelio Aguirre.

A orquestra Zeltia amenizará unha sesión de baile na praza a partir das 17:00 horas do venres 9. Tamén pola tade, para os máis novos, videoxogos e un taller de música e novas tecnoloxías. Ás 20.00 horas, o Grupo de Teatro de Adultos de Bertamiráns representará Atraso, de Nazaret López.

A última xornada da Semana Cultural, o sábado 10, terá tamén actividades pola mañá, cun roteiro medioambiental por Conxo (11:00 horas) e un taller de monicreques dirixido a pais e nenos (12:00 horas). Xa pola tarde, ás 18:00 horas, sesión de xogos tradicionais a cargo da Asociación Galega do Xogo Popular e Tradicional, e un campionato infantil de chave. Os Monicreques de Kukas pecharán o programa ás 20:00 horas coa representación de Contos do vento acatarrado.

O concelleiro destacou a "austeridade" desta edición, na que "a tradición impúxose aos cartos". Das actividades, destacou os obradoiros de xogos a cargo da Asociación Galega do Xogo Popular e Tradicional, xa que é intención do seu departamento estender a colaboración con esta entidade a outros centros socioculturais.

Documentos relacionados



Compartir: