AUDITORIO DE GALICIA

A Real Filharmonía de Galicia celebra o seu X aniversario cun concerto especial o venres, 3 de marzo

01/03/2006 O venres 3 de marzo o Auditorio de Galicia abrirá as súas portas para acoller ao milleiro de persoas que asistirán á celebración do décimo aniversario da Real Filharmonía de Galicia (RFG).

Os asistentes ao acto escoitarán a interpretación do Saturnal de M. Balboa e a Obertura Egmont de Beethoven, baixo as batutas do seu director titular Antoni Ros Marbà e de Maximino Zumalave, director convidado.

A Orquestra naceu un 29 de febreiro de 1996 baixo a dirección do mestre Helmuth Rilling, co financiamento do Consorcio de Santiago e a xestión do Auditorio de Galicia.

Precisamente foi o mestre Ros Marbà quen expresou o mércores, 1 de marzo, en Santiago a súa satisfacción por estar á fronte dunha oquestra "moi xoven, tanto polos anos de existencia da formación como pola media de idade dos músicos que a compoñen", afirmou. O director catalán tamén fixo fincapé nos niveis de calidade artística que ao longo desta década acadou a RFG.

Asimesmo, o alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, loubou o traballo do mestre Ros Marbà coa batuta da orquestra, ao conseguir "consolidala como proxecto cultural e implicala no ámbito cidadán", dixo. O rexedor compostelán explicou que arestora a máxima prioridade para a Filharmonía é "exportar este producto cultural de calidade". Neste senso, Sánchez Bugallo concretou que para os vindeiros meses está prevista unha xira da RFG por varios países americanos, o que permitirá trasladar a estos territorios unha imaxe culta de Galicia.

Pola súa banda, o xerente do Consorcio de Santiago de Compostela, Xosé Manuel Villanueva, agradeceu o apoio das institucións que estarán presentes na celebración do aniversario da RFG, coa presenza do presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, e o alcalde de Santiago.

Documentos relacionados



Compartir: