XUNTA DE GOBERNO

A Xunta de Goberno ratifica os convenios para novas actuacións nas ARI

05/09/2011 O Goberno local ratificou tres convenios asinados entre o Concello, o Ministerio de Fomento e o Instituto Galego de Vivenda e Solo para levar adiante novas fases de actuacións nas áreas de rehabilitación integral (ARI) de Vista Alegre, Casco Histórico e grupo de vivendas Santiago Apóstolo e Quiroga Palacios (Pontepedriña).

No caso do polígono de Vista Alegre, o convenio permitirá a posta en marcha da 5ª fase de rehabilitación. A voceira da Xunta de Goberno Local, Paula Prado, expresou a intención do Goberno municipal de seguir adiante con este programa, que está a permitir fundamentalmente a instalación de ascensores nos edificios e a remodelación dos mesmos. As cantidades fixadas nestes convenios, lembrou, permiten facer fronte ás subvencións ás rehabilitacións que se conceden aos veciños.

Os convenios tamén permitirán por en marcha a 12ª fase na Área de Rehabilitación do Casco Histórico e a 2ª fase no caso dos grupos de vivendas Santiago Apóstolo e Quiroga Palacios, no barrio de Pontepedriña.

Axudas sociais
Noutra orde de cousas, A Xunta de Goberno tamén aprobou diversas axudas de carácter social. Neste punto, Paula Prado quixo recalcar que "en ningún caso se van producir recortes nas partidas de emerxencia social" e mesmo indicou que se lle deron instrucións ao persoal de Benestar Social para que "saian ao encontro daquelas familias que por razóns de vergoña ou descoñecemento non acoden ao Departamento".

Integración da poboación inmigrante
Finalmente, deuse conta da concesión dunha subvención de 13.853 euros destinada á Unidade de Atención a Migrantes (UAMI). Estará destinada a un obradoiro de lectura intercultural, a un programa de reforzo educativo de bolsas de comedor e a axudas económicas para aloxamento e manutención das unidades familiares.

Documentos relacionados



Compartir: