VACACIÓNS EN PAZ

Despedida aos nenos saharauís en Lavacolla

02/09/2011 Os concelleiros Paula Prado, María Castelao e Albino Vázquez desprazáronse ata o aeroporto de Lavacolla para despedir aos nenos saharauís que pasaron este verán en Galicia. Tres destes rapaces estiveron con familias de acollida compostelás.

Estes nenos e nenas saharauís participaron un ano máis no programa Vacacións en Paz. Esta iniciativa está concibida no marco de solidariedade e axuda desinteresada e co fin de proporcionar mellores vacacións aos nenos e nenas saharauís, atendendo a solicitude da Delegación Saharauí para Galicia, canalizada pola Asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí.

Os rapaces e as rapazas que participan neste proxecto teñen entre 7 e 14 anos e proveñen dos campamentos de refuxiados saharauís que se encontran na zona de Tinduf, no suroeste de Alxeria. Grazas a estas vacacións preténdese ofrecer a estes nenos nacidos no medio da guerra e sometidos ás súas duras consecuencias, unha posibilidade de coñecer formas distintas de vida, de maneira que isto contribúa, non só á súa formación, senón a mellorar a comunicación e o entendemento entre os pobos, e promover valores de solidariedade coa cooperación dos composteláns. Ao mesmo tempo favorécese a relación das familias con rapaces doutras culturas.

Compartir: