CONSORCIO

A igrexa de Bonaval acolle o primeiro Festival Internacional de Música Medieval

02/09/2011 A programación preparada dende o Consorcio de Santiago con motivo do oitavo centenario da consagración da Catedral de Santiago continúa en setembro con Músicas da Itinerancia, un festival de música que durante unha semana reunirá na igrexa de San Domingos de Bonaval un total de sete agrupacións europeas, que presentarán un amplo percorrido por composicións propias da Idade Media.

O nome de Músicas da Itinerancia fai referencia ao tempo das composicións, cando as diferentes pezas musicais viaxaban dun lugar a outro a través dos grupos de trobadores. Foi un tempo no que a música traspasou fronteiras, grazas, entre outros aspectos, ao Camiño de Santiago, a través do que, ademais de peregrinos, circulaban grupos de músicos e recitadores. Todo este esplendor da música europea coincidiu co feito histórico da consagración da Catedral de Santiago, en 1211.

As agrupacións participantes proceden de Alemaña, Dinamarca, Suíza e Francia, ademais de dúas de Galicia e unha de Castela. Entre todas elas ofrecerán ao público unha completa panorámica do mellor da música medieval, tanto de lírica relixiosa como profana, así como músicas de tradicións locais, entre as que destaca a lírica galego-portuguesa.

Inaugura o festival o luns 12 de setembro o Quarteto de Urueña, dirixido polo coñecido musicólogo español Luis Delgado, que presenta un programa conformado exclusivamente por composicións medievais realizadas por mulleres. O martes, o grupo alemán Santenay presenta un monográfico sobre o poeta e compositor francés medieval Guillaume de Machaut. O mércores, o grupo galego 1500 propón unha viaxe musical polo movemento dos trobadores, cunha selección de cantigas de amor e amigo, pastorelas, albas e pezas sobre reis e cabaleiros. Procedente de Dinamarca chega Via Artis, o xoves, cun orixinal programa conformado por composicións medievais dos países nórdicos. O venres, o trío suízo Vox Suavis presenta un concerto que reflicte o carácter de cruce de culturas que tivo a Península Ibérica na Idade Media, cando nela convivían cristiáns, xudeus e musulmáns. O sábado será o turno do Ensemble Tre Fontane, tres músicos franceses especializados na obra de Jaufré Rudel, trobador protagonista dunha curiosa historia de amor que co paso dos século fíxose lenda. Por último, o domingo, pechará o festival o ensamble galego Martín Códax cunha selección de pezas da lírica galaico portuguesa do século XIII.

Todos os concertos terán lugar ás 20:30 horas, na igrexa de San Domingos de Bonaval, cuxa arquitectura gótica data da mesma época en que os trobadores galegos compoñían e tocaban as súas cantigas. De feito, un dos trobadores cuxo nome chegou ata os nosos días foi precisamente Bernal de Bonaval. A entrada aos concertos é libre.

O programa do Festival foi presentada nunha rolda de prensa á que asistiron o concelleiro de Cultura, Ángel Currás; o xerente do Consorcio de Santiago, Xosé Manuel Villanueva; e o director artístico do Festival, Emilio Cao.

Documentos relacionados



Compartir: