ALCALDÍA

O alcalde reitera que "Lavacolla non xoga na mesma división que os outros dous aeroportos de Galicia"

02/09/2011 "Seguimos pensando que o aeroporto de Lavacolla, con todo o respecto e cariño a Alvedro e Peinador, non xoga na mesma división que os outros dous aeroportos". Así se pronunciou o alcalde compostelán, Xerardo Conde Roa, respecto ás negociacións para a captación de liñas internacionais, pouco antes de reunirse cos representantes da Asociación de Empresarios de Hostalería de Santiago e Comarca.

O alcalde recordou que "o aeroporto de Lavacolla está aberto as 24 horas, ten a pista máis longa do norte de España, é a primeira referencia para os voos transatlánticos e ten unha nova terminal cunha capacidade extraordinaria a piques de inaugurarse. É dicir, é outra cousa distinta". Por iso, cre que "os problemas do aeroporto de Lavacolla teñen que ser tratados dunha maneira singular, pois facer esa mestura de problemas non deu resultados. Vimos que o comité de rutas estoupou nun determinado momento, e non se chegou a ningún acordo"."

En calquera caso, Conde Roa agradeceulle ao presidente da Xunta que "faga ese chamamento ao criterio dos alcaldes. Pola miña parte non vai faltar colaboración, pero sempre pensando no interese da cidade". Nese sentido, reiterou a súa aposta por unha "política propia diferenciada" para o aeroporto compostelán.

Consultas ao sector
Sobre a reunión mantida cos representantes da hostalería da cidade, o alcalde enmarcouna no ánimo de "ter presente en todo momento aquelas propostas que poidan axudar a mellorar este sector económico". En nome da Asociación, o presidente da súa sección de Hospedaxe, José Antonio Liñares, agradeceu a reunión e indicou que "o Concello é consciente do peso socioeconómico do turismo na cidade e sería moi bo manter unha relación frutífera en beneficio do sector turístico e de toda a cidade".

No encontro, no que tamén participou a concelleira de Turismo, Reyes Leis, abordáronse cuestións como algunha ordenanza municipal, a celebración do Fórum Gastronómico, a reforma da Praza de Abastos ou a mencionada negociación dos voos de baixo custo.

Compartir: