ALCALDÍA

O Goberno municipal estudia fórmulas de financiamento con empresas privadas para sacar adiante algúns proxectos

22/08/2011 Preguntado polo inicio en setembro dun novo curso político, o alcalde compostelán, Xerardo Conde Roa, anunciou que "xa está feito un pequeno borrador de orzamentos para o ano que vén" e recordou que "xa se ten feito unha pequena reestruturación da vida administrativa municipal". Ademais e partindo da "situación moi complicada" dende o punto de vista económico, indicou que se acometerá unha operación de tesourería para atender os provedores e fórmulas financeiras para financiar algún proxecto municipal.

Conde Roa falou da existencia dunha "débeda moi importante", pero afirmou a necesidade de "facer unha operación de tesourería importante, porque non queremos que provedores que están esperando por cobrar os seus servizos ao Concello, teñan que facelo moito tempo". Xa no capítulo de investimentos, lembrou que "a Administración Central reclámanos agora 6,5 millóns de euros, e o ano que vén non podemos endebedarnos tampouco". Por isto, dixo, "quédanos tratar de aforrar todo o que poidamos, por unha parte, e chegar a acordos con empresas para ver como podemos sacar adiante proxectos para a cidade".

Apuntou que "a inversión pública neste Concello non existe, porque os orzamentos de 2011 non permitiron o endebedamento, e as últimas obras que se fixeron foron as do convenio de travesías, que xa viñan doutros exercicios, e as do Fondo de Inversión Local, que agora hai que devolver". Ante este panorama, insistiu, "o que nos queda é recorrer a acordos con empresas privadas e ver de onde podemos sacar algúns cartos para rebaixar as débedas municipais". "Xa levamos tempo falando con algunhas empresas e imos estudar fórmulas de financiamento para levar a cabo algúns proxectos, pero con moitas limitacións, loxicamente", engadiu.

"O que non pode ser é que a estas alturas se lle deban case 5 millóns de euros á empresa concesionaria da recollida do lixo, cando hai unha taxa que están pagando os cidadáns para facer fronte a este servizo, e as taxas non se poden gastar noutras actividades", subliñou o alcalde. Tamén se referiu aos casos de "Cespa, á que tamén se lle deben 1.750.000 euros; Fenosa, con 2.300.000 euros, ou Daviña, tamén cunha débeda importante".

En palabras do rexedor municipal, "a todo isto hai que darlle solución, e aínda non falamos dos 66,5 millóns de euros de débeda bancaria". En calquera caso, indicou, "o que máis me preocupa é sanear o Concello, saír deste pantano económico. Sairemos adiante e creo que o faremos con certa brillantez".

Relevo en Emuvissa
Sobre o cese da xerente de Emuvissa, Conde Roa afirmou que "as última operacións autorizadas pola empresa, en concreto as contratacións do SUNP-37.3, do SUNP-38 e da rotonda da N-550, amén doutras xestións, non contan coa confianza deste Goberno municipal". Por iso, considerou o relevo na dirección da empresa como unha "consecuencia lóxica". Este relevo, engadiu, "farémolo o antes posible".

"Emuvissa vive nestes momentos da enxeñería financeira. Hai uns supostos activos, aos que ao parecer non lles afectou a crise, xa que seguen valorados como se non tivese pasado nada no mercado inmobiliario, e sobre a base destes activos supravalorados adoptáronse unhas decisións económicas moi serias. O problema é que estes activos non valen o que se di en balance e Emuvissa ten un saldo negativo moi serio", aclarou o alcalde a propósito da situación económica da empresa. Recordou que se vai solicitar "un informe xurídico que aclare por qué se realizaron esas contratacións sabendo que non había diñeiro e para coñecer o valor dos activos que ten Emuvissa".

Compartir: