ALCALDÍA

Xerardo Conde Roa e Xerardo Estévez conversan sobre "a cidade e as súas persoas"

22/08/2011 O alcalde compostelán, Xerardo Conde Roa, recibiu en Raxoi o ex-alcalde de Santiago Xerardo Estévez. Foi, como eles mesmos cualificaron, un "encontro de amigos", para falar do futuro da cidade e dalgunhas persoas ás que se quere recoñecer o seu traballo por Compostela.

Conde Roa apuntou que o obxectivo da conversa foi "dar un repaso, non á vida política, senón á vida cotiá de Santiago, e poñernos ao día sobre isto". Ademais, falaron de outorgar "algún recoñecemento a algunha persoa importante de Santiago", se ben non quixo adiantar nomes e remitiuse ao "procedemento protocolario" para estes casos.

Aínda que recordou que "tamén outros colectivos o poden facer", o rexedor concedeulle un especial valor ás propostas de Xerardo Estévez, de quen dixo "é unha persoa moi importante na cidade dende diferentes puntos de vista: profesional, como gran arquitecto que é; político, como alcalde da cidade que foi; e cidadán".

Pola súa parte, o ex-alcalde recordou a relación "institucional e de amizade" que o une con Xerardo Conde Roa. Volvendo ao contido da reunión e ás propostas de recoñecemento para algunhas persoas, apuntou que "esta cidade ten que seguir sendo recoñecedora e agradecedora de cidadáns que fixeron moito por Santiago".

Compartir: