XUNTA DE GOBERNO

Prórroga das obras da nova escola infantil de Salgueiriños para emendar deficiencias

22/08/2011 A Xunta de Goberno, na súa sesión ordinaria, acordou unha prórroga das obras da nova escola infantil de Salgueiriños de Abaixo. Ademais, adxudicou as obras de reforzo do firme no vieiro entre A Ponte e Ponte Albar (Grixoa) e a prórroga do contrato de mantemento do parque de Salgueiriños.

Segundo explicou a voceira da Xunta de Goberno, Paula Prado, a prórroga de catro semanas, ata o 23 de setembro, ten por obxecto solucionar algunhas deficiencias atopadas no proxecto en zonas como a cociña, as aulas e a zona de xogos. Indicou que a prioridade do Goberno municipal é a posta en marcha da escola, malia que nace con outras carencias, como a da falta de prazas de estacionamento na zona.

Prado estimou que será para mediados de outubro cando poida estar plenamente operativa a escola, unha vez rematadas estas obras e tamén resolto o procedemento de adxudicación das prazas. Esta gardería terá capacidade para un máximo de 123 alumnos.

Mantemento do parque de Salgueiriños
Tamén en relación á area de Salgueiriños, o Goberno local acordou prorrogar por un ano o contrato de mantemento do seu parque, así como a revisión do prezo de adxudicación segundo as condicións marcadas no contrato, segundo a variación do IPC. A edil recordou que este é un parque de cuxo mantemento se encarga unha empresa xestionada por COGAMI.

Reforzo do firme entre A Ponte e Ponte Albar
Outro dos acordos da Xunta de Goberno foi a adxudicación das obras de reforzo do firme da vía pública M-8-IV entre A Ponte e Ponte Albar (Grixoa), incluídas no POS 2011 da Deputación Provincial da Coruña, por importe de 177.000 euros. Tras asfaltarse no seu día o tramo entre Son e Grixoa, agora daráselle continuidade coa colocación de aglomerado en quente nunha vía que terá un ancho de 5,50 metros.

Mantemento na Cidade Histórica
Finalmente, adxudicouse o contrato de mantemento de diversas zonas do ámbito do Plan Especial de Protección e Rehabilitación da Cidade Histórica exteriores ao recinto intramuros. A adxudicataria realizará estes labores por un importe de 53.000 euros neste exercicio 2011.

Documentos relacionados



Compartir: