ALCALDÍA

Un ano máis lembrando a Ánxel Casal

19/08/2011 No ano no que se cumpren 75 anos da aparición do seu corpo en Cacheiras (Teo), celebrouse a tradicional homenaxe a Ánxel Casal ao pé do monolito que lembra ao que fora alcalde de Santiago.

A segunda tenente de alcalde, Amelia González, participou neste acto de lembranza de Ánxel Casal en representación do Concello de Santiago. Interviron tamén Avelino Pousa Antelo, presidente da Fundación Castelao, e Rafael Sisto Edreira, alcalde en funcións do Concello de Teo, así como familiares de represaliados e representantes da sociedade civil. Finalmente, realizouse unha ofrenda floral.

Editor e galeguista, Ánxel Casal foi asasinado cando era alcalde republicano de Santiago e o seu corpo foi atopado nunha gabia de Cacheiras (Teo) o 19 de agosto de 1936. Tiña só 40 anos.

Ademais do seu traballo como político demócrata e galeguista, Casal levou a cabo un importante labor editorial, fundando a editorial Lar e a imprenta Nós, que deu ao prelo obras xa clásicas da literatura galega. O seu labor como normalizador da lingua galega estivo tamén vinculado ao ámbito da educación, e impulsou as primeiras escolas do ensino en galego.

Compartir: