CULTURA

Música tradicional e antiga para pechar a segunda semana do Festival dos Abrazos

19/08/2011 Dous concertos pechan este sábado a segunda semana de programación do festival: ás 20:00 horas, na praza de Fonseca temos unha cita coa música tradicional de Ruote (se chove será no Teatro Principal) e, ás 21:00 horas, na igrexa da Universidade, coa música antiga de Concordi Musici. O luns 22 haberá actividade infantil cos Trogloditas de Tanxarina na Alameda ás18:00 horas (se chove tamén será no Principal) e dous concertos de Feito a Man: Es un Arbol en Tras Salomé, ás 20:00 h., e Coralie Yap-Chine Quartet presenta ‘Estival’ en San Paio de Antealtares ás 22:00 h.

Bos coñecedores das tradicións das catro provincias galegas, Ruote conquista ao público co seu xeito de tocar e de vivir a nosa tradición. O obxectivo é a interpretación fiel das músicas e melodías tal cal as aprenderon dos nosos maiores. A posta en escena con clarinete, gaitas, acordeón, pandeiretas é sinxela e ao mesmo tempo é quen de involucrar, divertir e emocionar facéndonos partícipes dunha experiencia única na que pasado e presente, tradición e contemporaneidade, se mesturan no mesmo momento e lugar.

Concordi Musici toma o nome da palabra latina concordia, que foi particularmente significativa durante os períodos renacentista e barroco, cando expresaba unha fascinante idea filosófica arredor da relación de harmonía que se establecía entre a música e as leis naturais, éticas e metafísicas do universo. Inspirado por este ideal de equilibrio, o grupo dedícase principalmente á investigación e á interpretación da música barroca con instrumentos orixinais. O conxunto está integrado por novos músicos procedentes de diferentes lugares do mundo (Corea do Sur, Países Baixos, Cataluña, Estados Unidos, Polonia e Italia) que coincidiron como profesionais e estudantes de posgrao nos Países Baixos.

Tanxarina presenta o luns, en dous pases a partir das 18:00 horas, Trogloditas. Tres trogloditas recíbennos no exterior da súa cova comunicándose tan só por xestos e sons. No interior da Cova realizan ritos de invocación… Dous lanzadores de menhires, un levantador de pedras ou un faquir que atravesa o seu corpo cun pau prepárannos para coñecer, a través do humor e dos monicreques, o modo de vida dos homes e mulleres das cavernas.

Organizado pola Concellaría de Cultura, o Festival dos Abrazos conta co patrocinio do Consorcio de Santiago e a colaboración da Asociación Cultural Cidade Vella, que organiza a programación de Feito a Man, integrada no Festival dos Abrazos; o Festival de Cine Euro-Árabe Amal; La Caixa de Barcelona e a Vicerreitoría de Estudantes, Cultura e Formación Continua da USC.

Compartir: