XUNTA DE GOBERNO

María del Mar Hinojosa, tenente da Garda Civil, coordinará os corpos de seguridade cidadá do Concello de Santiago

17/08/2011 O Goberno local aprobou o nomeamento da tenente da Garda Civil María del Mar Hinojosa Izquierdo como asesora, para coordinar os tres corpos de seguridade cidadá do Concello de Santiago: Policía Local, Bombeiros e Protección Civil. A incorporación desta profesional, en palabras da voceira da Xunta de Goberno, Paula Prado, permitirá "mellorar a coordinación destes tres corpos, optimizar os recursos e aportar unha visión diferente a cargo dunha persoa con ampla experiencia en seguridade cidadá".

Dende o 20 de febreiro de 2008 ata o 19 de xuño de 2011, María del Mar Hinojosa Izquierdo desempeñou o cargo de xefa de sección no Aeroporto de Lavacolla. Segundo explicou Paula Prado, dende o ano 1995, no que iniciou a súa carreira na Garda Civil, traballou no posto de seguridade cidadá de Dos Torres (Córdoba); no posto de seguridade cidadá de Hinojosas de Calatrava (Ciudad Real), no equipo de Policía Xudicial de Sabadell (Barcelona); como xefa da área de investigación no posto de El Vendrell (Tarragona); como xefa de equipo da Policía Xudicial de Valls (Tarragona) e como profesora instrutora da Academia de Gardas e Suboficiais da Garda Civil de Baeza (Jaén), antes de chegar ao aeródromo compostelán.

A voceira da Xunta de Goberno explicou que a creación deste posto xa se contempla na Relación de Postos de Traballo como directora de área, pero que a non dispoñibilidade orzamentaria fixo que o Goberno local optara por nomeala dentro do seu persoal eventual. Xa a preguntas dos xornalistas en relación ao tema da seguridade na cidade, indicou que se pasa por un "momento delicado", pero insistiu en que Santiago "é unha cidade segura". Con todo, insistiu en reclamar o número de efectivos policiais que lle corresponden ao municipio.

Convenio e subvención
Por outra parte, na mesma sesión deuse conta da sinatura do convenio de colaboración entre o Concello de Santiago e a Deputación da Coruña para financiar o sostemento do Centro Sociocultural e Xuvenil do Ensanche durante 2011. O organismo provincial achega 180.000 euros, o que supón o 77,59% dos gastos totais.

Tamén se tomou en consideración a concesión dunha subvención de 28.486 euros, a cargo tamén da Deputación da Coruña para o programa "En positivo. Por unhas relacións sen violencia". Prado destacou a importancia deste programa, porque "ademais de actuar nos casos concretos, unha das obrigas das Administracións é actuar no ámbito da prevención, e nesta xoga un papel fundamental a educación".

Programa PARKATLANTIC
Outro dos asuntos da orde do día foi a reprogramación do orzamento 2011 do programa PARKATLANTIC (no que o Concello de Santiago participa como xefe de fila), que queda establecido en 159.622 euros. A edil explicou que, ao non terse executado a parte orzamentaria dos dous exercicios anteriores, deberase solicitar unha prórroga deste programa –cuxo remate estaba previsto inicialmente en 2012- ata 2014.

Finalmente, adxudicáronse as obras de acondicionamento do entorno do Centro Sociocultural de Marrozos, incluídas no POS 2011 da Deputación da Coruña, por un importe de á empresa de 128.493 euros.

Documentos relacionados



Compartir: