ALCALDÍA

Compostela renovou o seu voto a San Roque

16/08/2011 O alcalde compostelán, Xerardo Conde Roa, e a práctica totalidade do equipo do Goberno municipal participaron no tradicional acto de voto da cidade de Santiago a San Roque, celebrada na capela do mesmo nome.

Como cada 16 de agosto, o acto consistiu na celebración dunha misa solemne e nunha ofrenda a este santo que, segundo conta a lenda, salvou a Compostela da epidemia. Xerardo Conde Roa cualificou o día de hoxe de "especial para a cidade" e para el, por ser a primeira vez que acode aos actos de San Roque como alcalde, unha tradición que foi seguida pola práctica totalidade do equipo do Goberno de Santiago, así coma por numerosos cidadáns

Ademais, amosou a súa satisfacción e orgullo por cumprir con esta festividade, sobre a que apuntou que se mantén por verdadeira raigame popular, á vez que expresou o seu agradecemento á confraría de San Roque pola organización do evento.

A tradición remóntase ao século XVI, cando varias pestes asolaron a cidade. Despois de oito meses dunha forte epidemia, no ano 1517 o Cabildo e os rexedores de Santiago decidiron alzar na entrada da cidade a capela dedicada a San Roque tentando así frear a epidemia. Pasada a peste, os gobernadores da cidade esqueceran os votos ata que no 1570 un novo brote ameazara á poboación. Finalmente, a construción da capela rematara no 1576 e, ao seu carón, monseñor Francisco Blanco ordenara levantar un hospital para enfermos contaxiosos. A igrexa de San Roque foi rehabilitada hai uns anos polo Consorcio da Cidade.

Compartir: