TURISMO

A concelleira de Turismo destaca a importancia do Camiño como mellor marca internacional de Galicia

12/08/2011 Hostalería Compostela vén de presentar o novo plano turístico de Santiago, un documento corrixido e actualizado no que se incorporan todos os establecementos de hospedaxe do colectivo, así como novidades tan importantes coma a Cidade da Cultura. Este plano, do que se editan máis de 150.000 exemplares para distribuír entre os asociados, é froito da colaboración entre Hostalería Compostela e Turismo de Santiago.

A concelleira de Turismo, Reyes Leis, destacou na presentación a importancia do proxecto e enmarcouno nunha estratexia máis ampla de colaboración cos colectivos máis representativos da cidade. Pola súa parte, o voceiro dos hostaleiros, Aser Álvarez, falou da boa predisposición de Turismo e doutros departamentos do Goberno local para traballar man a man cos principais sectores económicos da cidade, e nomeadamente co sector hostaleiro, ao ser Santiago a capital galega co maior grao de especialización turística, cunha actividade da que destacou a súa capacidade para dinamizar outros sectores coma o comercio, a industria, os transportes, o ocio e a cultura.

Ambos coincidiron en resaltar a necesidade de promover a internacionalización do turismo de Galicia, que ten no Camiño de Santiago a súa marca máis internacionalmente coñecida e recoñecida. Leis fixo fincapé na implicación do Concello e dixo que a Xunta "ten que saber que o Camiño de Santiago é o produto galego máis valioso e único", polo que todos os esforzos deben ir encauzados a promovelo exteriormente e a favorecer a conectividade aérea.

O turismo internacional en Santiago e en Galicia
Conscientes da importancia do turismo en Compostela, a cidade máis cosmopolita e universal de Galicia, o voceiro dos hostaleiros fixo fincapé na importancia estratéxica do turismo internacional, que representa o 40% do turismo total que chega á nosa cidade, sendo o sector que presenta unha mellor potencialidade para a desestacionalización turística, pois o estranxeiro acostuma viaxar en temporada baixa e adoita ter un bo nivel adquisitivo e aumentar a súa estadía media, con visitas a outras cidades e zonas de Galicia.

Dende a Asociación estiman que, nun contexto no que turismo é o único sector económico que segue a xerar emprego e que contribúe a dinamizar outros sectores, a saída da crise económica e o futuro do turismo en Galicia pasan necesariamente pola internacionalización do sector turístico. Nesta estratexia de internacionalización -din- cobran unha importancia fundamental a promoción e a diversificación do Camiño de Santiago e a aposta decidida polo aeroporto de Lavacolla, consolidado coma o gran aeroporto receptor de viaxeiros na nosa comunidade, movendo case o 60% do total de pasaxeiros do sistema aeroportuario de Galicia, con todo o que iso implica para o sector turístico galego.

Dende Hostalería Compostela deféndese que Galicia aínda ten moita potencialidade por explotar no eido do turismo internacional, pero que para iso é preciso apostar pola súa marca máis internacionalmente recoñecida, que é o Camiño de Santiago e promocionar unha maior conectividade aérea internacional cunha perspectiva de país con criterios de eficacia e eficiencia.

Compartir: