CULTURA

A música, protagonista total da quinta xornada do Festival dos Abrazos

11/08/2011 Continúa a programación do Festival dos Abrazos desta edición 2011 e faino na xornada do venres 12 coa música como protagonista absoluta. Para inaugurar a xornada, a partir das 20:00 horas, na praza de San Martiño Pinario, poderemos gozar co jazz de Abe Rábade (se chove, o concerto trasládase ao Teatro Principal). E a continuación, e como broche, a música electrónica de Sam Amant, chegada do Reino Unido, soará na Zona "C" (se chove no CGAC) a partir das 22:30 horas.

Zigurat é o 7º traballo do pianista Abe Rábade, o cuarto en formación de trío, que dende o ano 2008 está composto por Pablo Martín Caminero (contrabaixo) e Bruno Pedroso (batería), músicos cos que Abe ten unha gran implicación persoal e musical, instrumentistas cos que atopou un excelente balance creativo. Esta banda está chamada a ser o seu trío estable.

Esteticamente no álbum prima o melódico; un lirismo íntimo en ocasións e desgarrado noutras. Non falta non obstante a aposta polas métricas complexas e harmonías sofisticadas que fan de Zigurat unha obra plenamente axustada á contemporaneidade do jazz. Ao mesmo tempo, os temas conseguen ser vehículos de expresión para tres solistas que manexan un triángulo tímbrico con mimo; rico en texturas, dun amplísimo rango dinámico e sobre todo cargado de emoción.

Sam Amant é unha alieníxena ultrasónica que adora sintonizar as nosas vibracións coa galaxia. Despois de aterrar coa súa nave interestelar no PulkkelPop Festival en 2009, hipnotizando a centos de persoas cos seus sensuais ritmos, en 2010 usando a súa tecnoloxía espacial sintonizou co seu colega alieníxena Chris Cunningham para colaborar nun vídeo e para compartir escenario con coñecidos extraterrestres coma Boy George ou Roots Manuva.

Durante un breve período subiuse ao barco de guerra das Yo Majesty tomando o escenario coma unha supernova, o que lle permitiu levar os seus ritmos a moitos máis oíntes. E por suposto as dúas raíñas do espazo exterior, Sam Amant e Grace Jones, tamén colaboraron. Todo isto supuxo un ano de coñecemento intergaláctico. Os seus ritmos e presenza no escenario non precisa unha banda de apoio nin outro respaldo. Da renda solta ao seu poder con facilidade deconstruíndo os ritmos en intrincadas harmonías como o faría Ludwing van Beethotven.

Organizado pola Concellaría de Cultura, o Festival dos Abrazos conta co patrocinio do Consorcio de Santiago e a colaboración da Asociación Cultural Cidade Vella, que organiza a programación de Feito a Man, integrada no Festival dos Abrazos; o Festival de Cine Euro-Árabe Amal; La Caixa de Barcelona e a Vicerreitoría de Estudantes, Cultura e Formación Continua da USC.

Compartir: