XUNTA DE GOBERNO

O Concello acomete a limpeza das cunetas das parroquias compostelás

11/08/2011 A Xunta de Goberno, nunha sesión extraordinaria, adxudicou as obras de limpeza e desbroce de cunetas nas parroquias de Santiago. Ademais, iniciou o expediente de contratación da xestión das pistas de pádel e tenis de Sar.

O Goberno municipal quere aproveitar o bo tempo para acometer a limpeza e desbroce das cunetas de parroquias como Marantes, Figueiras, Grixoa, Marrocos, Sar, Cesar, Laraño, Aríns, Casas Novas, A Peregrina ou Santa Cristina de Fecha, entre outras. Por isto, adxudicáronse estes traballos iniciais por un importe de 51.657 euros. Nesta intervención seguirase un criterio racional, cunha primeira actuacion nas vías principais e, días máis tarde, procederase a desbrozar as vías secundarias.

A Concellería de Medio Rural vai elaborar un plan de mantemento, que permitirá acometer este tipo de obras e outras no rural compostelán coa periodicidade axeitada e segundo as necesidades detectadas. O obxectivo deste Departamento é que a finais de ano poida estar desbrozado o maior número posible de pistas asfaltadas do termo municipal.

Pistas de pádel e tenis de Sar
Por outra parte, aprobouse o prego de condicións e iniciouse o expediente para contratar procedemento negociado a xestión, mediante concesión, das pistas de pádel e tenis de Sar, unha vez que o procedemento inicial quedara deserto.

Establécese un canon anual fixo mínimo de 15.000 euros e un canon anual variable como mínimo do 1% da recadación total obtida polo concesionario. A concesión terá un prazo máximo de 5 anos.

Documentos relacionados



Compartir: