CULTURA

Artes plásticas, circo, música e cine nunha completa xornada do Festival dos Abrazos

09/08/2011 De cinco propostas distintas de catro disciplinas poderemos gozar nunha completa xornada do Festival dos Abrazos neste mércores 10 de agosto. A proposta dos Abrazos OFF deste ano, Resicrónica, abre a xornada ás 18:00 horas na praza de Salvador Parga e a continuación teremos circo en Bonaval con Cia. FAS, que presenta Ciclones: Circo, truchas y rock’n’roll, para pechar o día coa proxección de A sal deste mar, dentro da Mostra AMAL, na ruela de Xerusalén Ademais, haberá dous novos concertos de Feito a Man: música galega e escocesa nas Noites en Cervantes con Chick McAuly, Paddy Duncan & Friends e Davide Salgado; e música cubana en San Paio de Antealtares con Alejandro Vargas Trío.

Precicla! é un colectivo pluridisciplinar que traballa e actúa no ámbito da sustentabilidade desde diferentes perspectivas: social, funcional e creativa. Co fin de xerar novas visións, actitudes e reflexións a respecto do actual sistema de consumo no que nos atopamos. Resicrónica é unha acción comunitaria que pretende estreitar o vinculo do cidadán co espazo publico a través da manipulación dun obxecto cotián, o residuo, convertido en materia prima. Preséntase en dúas convocatorias:

·Intervención colectiva no espazo urbano (praza Salvador Parga, mércores 10), empregando o refugallo como material de construción.

· Confección dun "tecido-Patchwork" comunitario (Alameda, xoves 11) de grande escala, empregando o residuo como materia prima.

Ciclones: Circo, truchas y rock‘n’roll é un espectáculo surrealista, autorreferencial e evocador, que conxuga música en directo con circo contemporáneo. Todo un concerto de rock e circo. Unha actitude roqueira ante os malabares o os equilibrios. Pelotas que retumban en bombos, guitarras en pé de guerra, cantantes provocadores, instrumentos voadores, execucións musicais acrobáticas.... Todo isto e moito máis é Ciclones..., unha montaxe fresca coa que chegar directamente ao corazón do público.

Organizado pola Concellaría de Cultura, o Festival dos Abrazos conta co patrocinio do Consorcio de Santiago e a colaboración da Asociación Cultural Cidade Vella, que organiza a programación de Feito a Man, integrada no Festival dos Abrazos; o Festival de Cine Euro-Árabe Amal; La Caixa de Barcelona e a Vicerreitoría de Estudantes, Cultura e Formación Continua da USC.

Compartir: