XUNTA DE GOBERNO

Convocado o XXIX Premio Blanco Amor

08/08/2011 A Xunta de Goberno, na súa sesión ordinaria, aprobou as bases da XXIX edición do Premio Blanco Amor de novela longa. Entre outros asuntos, tamén acordou solicitar á Consellería de Traballo e Benestar subvencións para a contratación de 11 traballadoras desempregadas, e a sinatura do convenio para o arrendamento de 12 prazas de autobuses no aparcadoiro de borde de Salgueiriños.

A proposta do concelleiro de Cultura aprobáronse as bases da XXIX edición do Premio Blanco Amor de novela, que nesta ocasión lle tocou organizar ao Concello de Santiago. Poden participar os autores e autoras que presenten unha ou varias obras escritas en lingua galega segundo a normativa oficial. O prazo de recepción de orixinais remata o 30 de setembro de 2011.

Emprego
Das 11 traballadoras para as que se solicita subvención á Consellería de Traballo e Benestar, 7 traballarían no ámbito da Concellería de Familia, Benestar Social, Muller e Emprego, 2 no de Xuventude e Deportes e 2 no de Relacións Institucionais, Participación Cidadá e Centros Socioculturais. En concreto, traballarían en programas relacionados coa inserción laboral de mulleres vítimas de violencia.

Mobilidade
En materia de Mobilidade, autorizouse a sinatura do contrato entre TUSSA e a empresa Autos Carballo S.A. para o arrendamento de 12 prazas de autobuses no aparcadoiro de borde de Salgueiriños. A empresa aboará 1.800 euros mensuais polo arrendamento, correspondentes coa tarifa normal da instalación. O contrato abrangue ata o 31 de decembro de 2011, coa posibilidade de prórroga de seguir xestionando TUSSA o estacionamento máis alá desa data.

Obras
Finalmente, o Goberno local acordou solicitar á Deputación Provincial da Coruña unha prórroga do prazo para a presentación da documentación relativa á adxudicación de todas as obras que o Concello de Santiago ten incluídas no POS 2011 ata o 1 de novembro. As obras afectadas son as dunha senda peonil entre o Polígono do Tambre e Son de Abaixo, a do reforzo do firme entre A Ponte e Ponte Albar (Grixoa) e a de acondicionamento do entorno do Centro Sociocultural de Marrocos.

Compartir: