CULTURA

O Festival dos Abrazos arrinca cun pasarrúas musical pola Cidade Vella

05/08/2011 O Festival dos Abrazos celebra o luns día 8 a primeira das 66 actividades que ofrecerá ata o día 27. Será a partir das 12:00 horas cando sairá do Teatro Principal o pasarrúas de A magnifique bande dos homes sen medo, que percorrerá as rúas da Cidade Vella.

Xa pola tarde, ás 17:00 horas, haberá a primeira das actividades para os máis pequenos. Civic-civiac producciones presentan A Feira dos Imposibles e Carpa Máxica no Paseo Central da Alameda e pechan o día os madrileños No Reply cun concerto na Praza da Quintana ás 22:30 horas (se chove, será no Teatro Principal). Ademais, o luns 8 contamos con dous concertos do festival Feito a Man. Ás 20:00 horas, a cita será na praza de Feixoó co jazz franco-galego de Coralie Yap-Chine Quartet, que presenta Estival; e ás 22:00 horas, na praza de Salvador Parga, escoitaremos os galegos Velcro.

Cunha formación de nove músicos, A magnifique bande dos homes sen medo presenta un repertorio bastante inusual para unha charanga. De feito, por isto se definen coma unha "non-charanga". Interpretan composicións clásicas do dixie, do jazz, do rock, do funk e mesmo da música italiana de comezos do século XVII. Acompañan esta interesante selección musical con gags humorísticos e coreografías exultantes de sensualidade e glamour.

Civic-civiac trae a primeira das actividades infantís. Mediante unha viaxe ao pasado recreando unha antiga feira máxica, revive a época dourada dos grandes magos. Por unha banda a Feria de los Imposibles é unha instalación de xogos máxicos cos que interactuar individualmente con diferentes caixas máxicas e obxectos misteriosos que compoñen esta feira de máis de 400 metros cadrados de superficie. No final da feira atópase a Carpa Mágica, un espazo máis íntimo, pechado perimetralmente, onde un cento de espectadores poderán gozar, en vivo e en directo, dun espectáculo máxico á antiga usanza.

No Reply comezou a súa andaina no ano 2002 e deixou un forte impacto en todos os escenarios que pisou dende entón. Unha novísima banda que consegue facer bailar a todo aquel que vai aos seus concertos, cheos de sons frescos pero madurados por una xeración de artistas mozos. A súa carta de presentación son os ritmos máis bailables que deu a música negra na súa mellor época, dende o swing ata o ska, pasando polo reggae ou o dixieland. No 2008 editaron o seu primeiro traballo discográfico, Drunkology, editado por Universal. Actualmente están a preparar o que será o seu segundo traballo.

Organizado pola Concellaría de Cultura, o Festival dos Abrazos conta co patrocinio do Consorcio de Santiago e a colaboración da Asociación Cultural Cidade Vella, que organiza a programación de Feitoaman, integrada no Festival dos Abrazos; o Festival de Cine Euro-Árabe Amal; La Caixa de Barcelona e a Vicerreitoría de Estudantes, Cultura e Formación Continua da USC.

Direccións relacionadas



Compartir: