ALCALDÍA

Conde Roa: "No peor dos casos, a organización da Copa Davis teríalle custado 70.000 euros ao Concello"

05/08/2011 O alcalde compostelán, Xerardo Conde Roa, explicou en rolda de prensa os datos económicos da candidatura presentada por Santiago para organizar a semifinal da Copa Davis, dous días despois de que esta fora concedida a Córdoba. Indicou que o custo total do evento tería sido de 1.850.000 euros, dos que ao Concello unicamente tería que achegar 70.000.

Conde Roa indicou que, no capítulo de gastos, había un fixo de 700.000 euros, correspondente ao canon a pagar á Federación Española de Tenis. Outros 700.000 euros presupostáranse a construción da pista principal e das gradas para 16.000 persoas, ademais das dúas pistas auxiliares. Tamén estaba previsto destinar 350.000 euros ao acondicionamento do entorno, entendido este como instalacións e servizos complementarios, como catering, venda de produtos oficiais, sala de prensa, etc. A maiores, prevíase unha reserva de 100.000 euros para calquera eventualidade ou gasto non previsto. En total, indicou o alcalde, 1.850.000 euros.

Do custo previsto, tres administracións públicas –Xunta, Concello e Deputación da Coruña- terían achegado 200.000 euros. Desta cantidade corresponderíanlle 70.000 euros ao Concello. Por iso, resaltou que "no peor dos casos, ao Concello de Santiago teríalle custado 70.000 euros a organización da semifinal da Copa Davis". E fronte a isto, dixo, "un impacto económico directo na cidade de 3,8 millóns de euros", segundo o cálculo feito pola Federación Internacional de Tenis (ITF). "Isto sen contar a repercusión mediática" para Santiago e para a Cidade da Cultura. Neste sentido, recordou que os cuartos de final entre Estados Unidos e España foron vistos por 400 millóns de persoas.

28 de 40 palcos reservados con anterioridade
Seguindo cos ingresos, a candidatura presupostara 500.000 euros obtidos a través de patrocinadores de segundo nivel –a Federación conta cun patrocinador principal- e da venda dos 40 palcos que tería a instalación. O rexedor municipal explicou que cada palco tería capacidade para seis persoas e sería vendido a un prezo entre 8.000 e 10.000 euros. Como mostra do interese demostrado polo evento, indicou que "o venres anterior, antes de coñecerse a cidade elixida, xa tiñamos 28 palcos reservados".

Outro millón de euros correspondería co 40% do recadado pola venda de entradas e abonos para as 16.000 localidades nos tres días de competición. Contemplábase un prezo duns 300 euros para os abonos e de entre 90 e 100 euros para as entradas dun día. Feita a media en 200 euros e descontando as 1.000-1.200 entradas reservadas para a Federación e para Francia, resulta a cantidade citada.

Finalmente, quedarían outros 150.000 euros, correspondentes a recadación propia por mercadotecnia e do aforro que suporía a colaboración gratuíta de empresas locais en determinados traballos a cambio de publicidade como tales colaboradores. Conde Roa citou como exemplo deses traballos o catering, os pequenos movementos de terras ou a seguridade.

Magnífica inversión cun custo público mínimo
Á vista destas cifras, o alcalde insistiu en que "Santiago tiña plantexada unha magnífica inversión" cun "custo mínimo para o erario público". Ademais, quixo aclarar que non se recorreu a ningunha empresa externa para elaborar o proxecto. "Todo isto tivo o custo de tres billetes de avión, os do desprazamento a Barcelona para presentar a candidatura e o dunha reunión miña co presidente da Federación", dixo, resaltando que todo o traballo foi realizado por concelleiros e técnicos municipais.

O alcalde aproveitou para volver a felicitar a Córdoba pola súa elección como sede, "aínda que sigo pensando que a nosa candidatura era a mellor". Cara futuras opcións para organizar eventos deportivos internacionais, afirmou que "demostramos que podemos estar aí e seguiremos estando aí".

Compartir: