ALCALDÍA

O alcalde analizou propostas de enlaces peonís coa Cidade da Cultura

04/08/2011 O alcalde de Santiago, Xerardo Conde Roa, formou parte do xurado do curso internacional sobre arquitectura organizado polo Instituto Compostela Arquitectura (CA Institute), que reuniu a expertos mundiais ao longo de tres semanas en San Martiño Pinario. Os alumnos desenvolveron e expuxeron propostas de enlace peonil coa Cidade da Cultura.

O curso, segundo seu director, o profesor da Escola de Arquitectura da Coruña, Carlos Seoane, quixo utilizar a Santiago como unha grande aula e un laboratorio de arquitectura. Nel participaron 20 alumnos de quince nacionalidades distintas. A recuperación da arquitectura e os seus fundamentos e a reflexión sobre a complexidade urbana foron as claves do curso, que remata o 6 de agosto.

En relación con isto, os alumnos do curso desenvolveron propostas de conexión peonil coa Cidade da Cultura que expuxeron a un xurado multidisciplinar, integrado polo alcalde de Santiago, Xerardo Conde Roa; o concelleiro de Cultura, Ángel Currás, e arquitectos e críticos de arquitectura como Juhani Pallasmaa, membro do xurado do Premio Pritzker, considerado o Nobel de Arquitectura; William Curtis; Xerardo Estévez, Carlos Seoane ou Pablo Gallego, entre outros.

A proposta de enlace peonil elaborada polos alumnos aposta pola recuperación de trazados antigos da propia trama medieval, salvando barreiras e situando elementos e espazos públicos que activen esas propias rutas.

No marco de este curso interviñeron arquitectos e urbanistas de proxección internacional como Vito Acconci, William Curtis, Juhani Pallasmaa, Andrew Cohen e Álvaro Siza, xunto a outros expertos como Fernando López Alsina, Fernando Agrasar ou Felipe Criado.

O vindeiro verán terá lugar en Santiago unha nova edición do curso, que permitirá reflexionar e abordar debates e propostas sobre espazos da cidade como a praza de Galicia.

Compartir: