FESTAS

O Concello seguirá apostando por unhas Festas do Apóstolo participativas

03/08/2011 Os concelleiros María Castelao e Adrián Varela fixeron balance das Festas do Apóstolo. Destacaron a "participación da cidade" nas distintas actividades do programa e a intención de seguir traballando nesta liña cara a futuras edicións, co obxectivo de converter as Festas nun "referente en Galicia".

Segundo María Castelao, é intención do Goberno municipal que os veciños de Santiago "participen activamente" nas Festas do Apóstolo, que "ata agora estaban máis orientadas para os visitantes". Nesa liña de traballo estivo a elección do pregoeiro e tamén a formación da comisión de festas que organizará as festas da cidade de aquí en diante. Nela participarán –recordou- varias concellerías e colectivos de comerciantes, hostaleiros e veciños.

A falta de pechar algúns aspectos, a concelleira recordou que o actual Goberno municipal "atopouse cunha partida de 60.000 festas para a organización das Festas. Houbo que modificar algunha partida e ao final o Concello destinou 90.000 euros". En calquera caso, aclarou, "moi lonxe das cifras doutros anos". Neste mesmo sentido, Adrián Varela indicou que "o tempo e o orzamento xogou en contra nosa". Pero malia as restricións, "demostramos que con menos cartos se poden organizar unhas festas sen perder en calidade", puntualizou María Castelao.

Varela repasou algúns dos eventos celebrados. En particular, destacou as 30.000 persoas que pasaron polos concertos da Quintana, ou a afluencia media de 400 a 500 persoas aos concertos programados no paseo dos Leóns, na Alameda. Tamén se referiu a algunhas das novidades desta edición, como o Día do Neno, o torneo de pádel ou os concertos dos grupos emerxentes da cidade.

Produción local
Tanto Adrián Varela como María Castelao tiveron palabras de agradecemento para a Cidade da Cultura, como organizadora do concerto de Luz Casal, e para XADE, que se encargou da produción dos concertos da Quintana. O xerente desta empresa, Santiago L. Cuadrado, tamén quixo facer balance, salientando que "por primeira vez se contou coa colaboración de XADE nestas festas, o que supuxo unha boa oportunidade para amosar o noso potencial coma ferramenta eficaz e útil no ámbito da organización de eventos e espectáculos".

"Houbo novidades en canto á produción local que melloraron considerablemente a organización dos eventos na praza da Quintana. Así, en canto á seguridade, apuntou que "por primeira vez, nos concertos gratuítos realizouse un cacheo nas vías de acceso á praza e controlouse a entrada, o que permitiu evitar que alguén entrara con obxectos prohibidos, botellas de vidro, etc". Tamén falou do incremento de baños químicos, da habilitación dunha plataforma con aseo para persoas con mobilidade reducida, da colocación sinaléctica para indicar as saídas de emerxencia ou da normativa de consumo de alcohol, ademais da preparación dun plan de autoprotección específico para cada evento visado pola Policía Local.

"Os nove eventos programados na Quintana congregaron a case 30.000 persoas. A actuación máis multitudinaria foi a de Vetusta Morla, que logrou esgotar as localidades dúas horas antes do inicio do concerto e rexistrou un cheo absoluto con 5.200 persoas", concluíu o xerente de XADE

Compartir: