CULTURA

O concelleiro de Cultura valora a inclusión en Música en Compostela dun programa de concerto dedicado a autores galegos

02/08/2011 O concelleiro de Cultura, Ángel Currás, valorou moi positivamente que o concerto da Real Filharmonía do xoves 4 de agosto, dirixido por Maximino Zumalave, estea integramente dedicado a autores galegos, "tres dos cales son actuais, e constitúen un bo exemplo da creatividade musical de Galicia nos últimos anos. As obras do programa son Hermes, de Octavio Vázquez (1972), O mencer dos soños, de Xavier de Paz (1963), Concertino para orquestra de corda, de Federico Mosquera (1986), e o Concerto para trompa, de José Arriola.

A obra de José Arriola é unha bo exemplo da recuperación dun músico a penas coñecido na súa faceta de compositor. O Consello da Cultura Galega realizou en 2010 unha publicación conmemorativa sobre Arriola que foi o froito do interese investigador de Ramón Castromil na sección de Música e Artes Escénicas.

Currás considera fundamental que dentro da edición LIV do Curso Internacional Música en Compostela, que na presente edición supera os cen alumnos de moi diversas nacionalidades, e que ten como finalidade a de informar, interpretar e cultivar a música española, se dea a coñecer a nosa música. "É un acerto a iniciativa dos organizadores e quero destacar o papel de Maximino Zumalave na recuperación e promoción das obras de compositores galegos", opinou.

Compartir: