MOBILIDADE

Un servizo específico de autobuses unirá o casco urbano coa Cidade da Cultura

02/08/2011 A Cidade da Cultura estará unida coa propia cidade de Santiago a través dun servizo específico de transporte urbano, que nace con cinco frecuencias diarias en cada dirección. Este servizo xorde ante o crecente interese por visitar o complexo do Gaias e, en consecuencia, pola demanda tanto de veciños como de visitantes por unha conexión deste tipo.

O concelleiro de Mobilidade, Seguridade Cidadá e Tráfico, Albino Vázquez Aldrey, e a directora-xerente da Fundación Cidade da Cultura de Galicia, Beatriz González Loroño, presentaron este novo servizo de transporte urbano á Cidade da Cultura, que comezará a funcionar o xoves 4 de agosto. Terá a súa saída na dársena de autobuses de Xoán XXIII, mediante a liña denominada "Cidade da Cultura-Gaiás". A elección deste punto de partida, explicou o edil, parte da intención de "captar os turistas que chegan a esta parte da cidade".

No percorrido de ida, os autobuses tamén realizarán paradas na estación de autobuses, en San Roque, na Porta do Camiño, no Cruceiro de San Pedro, en Concheiros, en Fontiñas e no Multiusos de Sar. Sairán da dársena de Xoán XXIII ás 11:00, 13:00, 15:00, 18:00 e 20:00 horas.

O itinerario de volta será o seguinte: Cidade da Cultura, Multiusos, Fontiñas, avenida de Lugo, Concheiros, Rosario, Bonaval, San Roque e Xoán XXIII. Neste caso, as saídas do Gaiás serán ás 11:30, 13:30, 15:30, 18:30 e 20:30 horas. Ademais, a liña adaptarase tamén ás actividades culturais do complexo. Por iso, inicialmente, haberá un servizo ás 23:15 horas os xoves, venres e sábados.

Albino Vázquez expresou que esta oferta inicial é susceptible de ser aumentada no futuro en función da demanda existente. Neste sentido, expresou a súa confianza en que a liña sexa "rendible a autosuficiente". Tamén adiantou que está prevista a posta en marcha de autobuses lanzadeira á Cidade da Cultura con motivo de acontecementos especiais, como pode ser a saída da Carreira Pedestre dende o complexo ou a organización da semifinal da Copa Davis, se esta recaera finalmente en Santiago.

Mesmo prezo do billete e publicidade do servizo
O prezo do billete para os usuarios deste servizo especial será o mesmo que o dos autobuses urbanos do Concello de Santiago. Admitiranse igualmente os distintos tipos de bonos, nas mesmas condicións que no transporte ordinario.

Para difundir este novo servizo, o Concello realizará insercións publicitarias nas traseiras dos autobuses e no entorno da dársena de Xoán XXIII. Ademais, haberá información en todas as paradas polas que transcorra o servizo e que conten con marquesiñas ou postes de parada.

Crecente interese e optimización do complexo
Dende a súa inauguración o 11 de xaneiro de 2011, a Cidade de Cultura recibiu a visita de máis de 150.000 persoas, segundo indicou Beatriz González. Ademais, coa posta en marcha do Plan de Acción Cultural do complexo, estanse a desenvolver diversas actividades artísticas e culturais cada vez maior que veñen a incrementar o interese e a posta en valor do propio conxunto arquitectónico.

Para satisfacer este interese nace este servizo, que prestará servizo tanto aos cidadáns de Compostela como aos visitantes que chegan á cidade a través dos diversos medios de transporte e que precisan dun servizo público de transporte que os acerque ao Gaiás. Neste sentido, a xerente da Fundación afirmou que é un "obxectivo primordial" da mesma "optimizar os accesos e conseguir a integración da cidade na Cidade da Cultura".

Para incrementar esta optimización, apuntou, a Fundación e a Xunta de Galicia están a traballar nun plan global de mellora dos accesos. Entre estes, Beatriz González, salientou a necesidade da conexión do complexo do Gaiás coa autopista AP-9.

Compartir: