XUNTA DE GOBERNO

Adxudicadas as obras de rehabilitación do antigo curtidoiro do parque de Belvís

01/08/2011 A Xunta de Goberno adxudicou as obras de rehabilitación do edificio destinado a catalizador cultural no parque de Belvís, incluído no programa Urbana Santiago Norte. Na mesma sesión tamén se deu conta da autorización para unha aula mixta en horario de tarde nas escolas infantís de Conxo e Fontiñas e da convocatoria das subvencións para o deporte federado.

As obras do novo catalizador cultural do parque de Belvís foron adxudicadas por un importe de 173.897 euros máis IVE, segundo explicou a voceira da Xunta de Goberno Local, Paula Prado. Este é un dos proxectos que figura no Urbana Santiago Norte, cofinanciado pola Unión Europea con cargo ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER).

A partir da rehabilitación dos restos do antigo curtidoiro do parque de Belvís, construirase un espazo público, en principio destinado ás actividades de ocio e cultura (exposicións culturais, talleres sobre arte, etc). Non obstante, Paula Prado anunciou a intención de "optimizar" este edificio, ao igual que se pretende realizar con outros, tendo en conta que o Concello paga alugueres por determinados locais, de xeito que "non se vai incrementar o persoal".

Aula infantil
Na reunión do Goberno local tamén se deu conta da autorización da Consellería de Traballo e Benestar para a creación dunha aula mixta (0-3 anos) en horario de tarde nas escolas infantís municipais de Conxo e Fontiñas para o curso 2011-2012. Segundo explicou a voceira da Xunta de Goberno, o obxectivo desta decisión é tamén o de "optimizar" os recursos destas escolas.

No capítulo da educación infantil, tamén se aprobou a licenza para unha escola infantil privada na avenida das Burgas, con capacidade para 60 prazas de 0 a 3 anos. Destacou Prado a súa importancia, porque, malia ser unha iniciativa privada, "vén a favorecer a creación de máis prazas de escolas infantís, tan necesarias".

Ademais, autorizouse á ANPA do CEIP Santiago Apóstolo a utilización das instalacións do centro no marco da Escola de Verán. Estas actividades para a conciliación da vida familiar e laboral realizaranse na primeira semana de setembro.

Subvencións ao deporte federado
A proposta do concelleiro de Deportes, aprobouse a convocatoria de subvencións destinadas ao fomento do deporte federado correspondentes ao ano 2011. O importe a repartir entre os clubs é de 207.600 euros. Esta cantidade –indicou Prado- estaba xa contida nunha partida dos actuais orzamentos municipais, se ben o Goberno municipal "ten a intención de incrementala sucesivamente nesta lexislatura ata dobrala".

Curso de fontanería
A Xunta de Goberno tamén aprobou os servizos docentes do curso de "Operacións de fontanería e calefacción, climatización doméstica". Esta actividade, que recibiu unha subvención de 74.462 euros da Consellería de Traballo e Benestar Social, permitirá ofrecer formación a 15 persoas. A selección dos alumnos realizarase nos vindeiros días.

Reforzo do firme na Barciela
Finalmente, iniciouse o expediente de contratación das obras de reforzo do firme na vía pública na Barciela, incluídas na segunda fase do Plan de Obras Adicional da Deputación da Coruña. O importe da licitación é de 96.100 euros.

Documentos relacionados



Compartir: