ALCALDÍA

O Concello de Santiago e a Secretaría Xeral de Emigración asinan un convenio para o funcionamento da UAMI

28/07/2011 O alcalde compostelán, Xerardo Conde Roa, e o secretario xeral de Emigración, Santiago Camba, asinaron un convenio de colaboración para financiar a Unidade de Atención a Migrantes (UAMI). En virtude do mesmo, o organismo autonómico achega 50.000 euros para a provisión de persoal do devandito centro, sendo a contribución municipal doutros 20.000 euros.

Tras a sinatura do convenio, o alcalde indicou que "estamos moralmente obrigados" a "axudar aos inmigrantes nos momentos que necesitan información rápida e eficaz". Recordou que el mesmo é neto de emigrantes e, preguntado por outro tipo de políticas contra a inmigración, afirmou que "aquí somos doutra materia en canto á sensibilidade coa inmigración" e cualificounas de "recurso fácil de políticos con pouco talento".

Santiago Camba tamén coincidiu na "sensibilidade especial" que nesta materia se ten en Galicia como pobo emigrante. Insistiu na necesidade de prestarlles axuda aos inmigrantes, especialmente nestes tempos de crise económica. Sobre a cuestión da percepción da inmigración, o secretario xeral apuntou que nos barómetros anuais que se realizan non se teñen detectado esas actitudes de rexeitamento en Galicia.

Persoal para o centro
Grazas a este convenio, a UAMI poderá contar cun traballador a xornada completa, un licenciado en dereito con formación específica en materia de estranxeiría e un auxiliar administrativo a xornada completa. Este centro proporcionará atención, información e asesoramento xurídico e sociolaboral ás persoas inmigrantes e retornadas, coa finalidade de facilitar a súa integración social.

Así, a Unidade informará ás persoas inmigrantes sobre a súa situación xurídica e trámites administrativos a realizar. Neste sentido, asesorará na tramitación de autorizacións de residencia, traballo, visados, adquisición de nacionalidade, agrupamento familiar e outros trámites administrativos, así como sobre as posibles prestacións sociais, educativas ou de calquera tipo ás que tivesen dereito.

Dende a UAMI tamén se facilitará todo tipo de información acerca de programas formativos e de orientación e inserción laboral, e sobre outras axudas ás que poidan ter acceso e que faciliten o seu acceso ao mercado laboral. Ademais, dende o centro promoverase a incorporación de persoas inmigrantes e retornadas ás redes sociais e á vida comunitaria, incluso a través de intervencións individuais e familiares. En Santiago están censados máis de 4.100 inmigrantes, segundo indicou Santiago Camba.

Compartir: