CULTURA

"Cartografías silenciadas", de Ana Teresa Ortega, nova mostra do Auditorio de Galicia

26/07/2011 O Auditorio de Galicia inaugura Cartografías silenciadas, de Ana Teresa Ortega, o mércores 27 ás 20:30 horas. Na inauguración participarán o concelleiro de Cultura, Ángel Currás, a propia Ana Teresa Ortega e Chus Martínez Domínguez, comisaria da exposición para Galicia.

Esta mostra, que xira arredor de fotografías de espazos de represión e encarceramento franquista, é froito dun convenio de colaboración entre a Universitat de València e o Auditorio de Galicia, para a itinerancia da mostra e co-edición dun catálogo que conta coa aportación de textos de reputados profesionais en castelán, valenciano e galego. Ademais de no Auditorio de Galicia, a mostra estará tamén no Palau de la Virreina (Barcelona) e xa pasou polo Museo da Paz de Gernika (Bizcaia-Euskadi)

Chus Martínez Domínguez, comisaria para Galicia, deu forma á exposición sobre un proxecto posto en marcha e dirixido polo profesor e especialista en artes visuais Pep Benlloch (Valencia, 1950). No proxecto, Ana Teresa Ortega preséntanos un traballo de tres anos –de máis de 70 imaxes– onde a súa demostrada excelencia artística e expresiva únese a unha exhaustiva investigación en diversos arquivos poñendo en relevo a vertente documental que ten a fotografía. Cada imaxe recolle espazos e edificios que foron lugares de represión e encarceramento durante o franquismo, onde a súa cámara entabla un diálogo non exento de tensión e forza dramática que tamén se transmite ao espectador sobre a carga histórica e tráxica que estes lugares acumularon.

É un traballo que supón un grao importante de compromiso por parte da artista, que tivo acceso para as súas investigacións, entre outros, ao Archivo General Militar de Ávila, Archivo del Reino de Valencia, Archivo del Tibunal de Cuentas e a outros organismos que custodian documentos sobre a Guerra Civil. É, polo tanto, moi importante toda a información complementaria que acompaña as imaxes.

Ana Teresa Ortega (Alacante, 1952) é unha recoñecida artista visual que conta con obra en institucións e coleccións permanentes como a Colección Arco, o Instituto Valenciano de Arte Moderno (IVAM), o Museo Nacional Centro de Arte Reina Sofia (MNCARS), en coleccións de San Francisco, Los Ángeles ou Chicago, ou no CGAC, por nomear algúns.

Compartir: