FESTAS

O alcalde anuncia a incorporación do traxe galego a actos institucionais

26/07/2011 As Festas do Apóstolo reservan unha data cada ano ao Día do Enxalzamento do Traxe Galego. Nesta XXXIII edición do evento, a indumentaria tradicional galega volveu ser a protagonista nas rúas e prazas da cidade, con desfiles, concursos e exhibicións.

O alcalde compostelán, Xerardo Conde Roa, recibiu en Raxoi a comitiva de persoas ataviadas co traxe tradicional, no marco das actividades previstas nesta xornada de enxalzamento. Este ano, o propio alcalde contribuíu á homenaxe ao traxe galego vestindo un de garda nos actos da Ofrenda ao Apóstolo. Neste día, volveu a levalo.

Conde Roa apuntou que non quere que o uso do traxe galego sexa algo "extraordinario", senón que "se incorpore a actividades que teñen que ver coa nosa vida institucional e laboral". Neste sentido, anunciou a presenza do traxe galego en actos institucionais.

Na súa intervención, o rexedor municipal tamén agradeceu á Asociación do Traxe Galego o seu esforzo por "seguir loitando por unha tradición tan bonita e importante para nós". Igualmente, tivo un recoñecemento a outros concelleiros que, anteriormente, xa vestiron o traxe galego. Nesta ocasión tamén participaron coa indumentaria tradicional os concelleiros Elvira Cienfuegos e Xosé Baqueiro.

A aposta polo traxe galego do alcalde mereceu o aplauso dos participantes neste Día do Traxe. En nome de todos eles, a presidenta da Asociación do Traxe Galego, Rita Miramontes, amosou o seu agradecemento a Conde Roa e expresou o seu desexo de que "moitos dos que están agora aquí estean dentro doutros 33 anos prespresetándonos" e así esta tradición "siga viva".

As actividades comezaron coa concentración dos participantes na Alameda. O desfile percorreu Porta Faxeira, Toural, rúa do Vilar e Praterías, para chegar finalmente á praza do Obradoiro. Antes de ser recibidos polo alcalde, os participantes asistiron a unha misa na Catedral e realizaron a súa particular ofrenda ao Apóstolo.

Concurso e desfile
Xa para a tarde estaba previsto o certame de traxes en San Domingos de Bonaval, a partir das 16:00 horas. Alí, os traxes dos participantes serán avaliados polo xurado e fotografados no claustro do Museo do Pobo Galego.

Logo, ás 19:30 horas, dende Bonaval, partirá o desfile coa participación tanto dos concursantes como dos membros da Asociación do Traxe Galego e outros convidados ataviados co traxe tradicional. A comitiva pasará por Casas Reais, Cervantes, Preguntoiro, rúa Nova, rúa do Vilar, Praterías e Conga. Entrará na praza da Quintana pola rampla entre San Paio e a Casa da Conga. Logo, o desfile continuará no escenario.

Aproximadamente ás 20:00 horas, celebrarase a exhibición de traxes e a entrega de premios na propia praza da Quintana. Nesta ocasión repartiranse 3.600 euros en premios. Haberá galardóns de 500 euros para os mellores traxes antigos completos, tanto na categoría masculina como na feminina. No caso do traxe de cotío, os dous premios serán de 300 euros. Na categoría de traxe moderno, entregarase un primeiro e un segundo premio de 350 e 250 euros, respectivamente, tanto en homes como en mulleres.

Os nenos e nenas que vistan os mellores traxes tamén recibirán agasallos conmemorativos. Finalmente, haberá un premio especial de 600 euros para o mellor grupo de máis de 10 persoas e outro de 200 euros á mellor peza ou conxunto de pezas antigas que non compoñan un traxe completo. Os actos rematarán coa interpretación do Himno Galego.

Compartir: