FESTAS

A Catedral de Santiago cobrou vida propia no espectáculo virtual dos Fogos do Apóstolo

24/07/2011 Os Fogos do Apóstolo 2011 deixaron para o recordo 30 minutos dun espectáculo que por primeira vez incorporou a realidade virtual. Grazas á mesma, a Catedral de Santiago cobrou vida propia e os espectadores puidéronse somerxer no seu interior e observar a súa construción. O espectáculo pechouse cunha intensa, coordinada e potente sesión de pirotecnia.

As imaxes sucedéronse harmonicamente e a un ritmo vertixinoso ao compás da música na fachada do Obradoiro. Nesta ocasión, a complexa arquitectura da fachada foi menos obstáculo que nunca para as nítidas e potentes proxeccións. Así, a Catedral fundiuse coa imaxe formando un conxunto cheo de dinamismo e movemento.

Se espectaculares foron as texturas das imaxes sobre a fachada do Obradoiro, non o foron menos os efectos de movemento (4D), de grande realismo. Así, o público puido observar o levantamento da Catedral, columna a columna e pedra a pedra, dragóns botando lume, barcos sucando mares ou paxaros sobrevoando unha entregada praza. Especialmente aplaudido foi o momento en que un gran botafumeiro pareceu bendicir aos presentes no Obradoiro.

O espectáculo transcorreu en torno a sete secuencias, coas que rememorou o proceso construtivo e a historia da Catedral de Santiago: O bosque animado, A barca de pedra, Campo de estrelas, Construcións e deconstrucións, O Pórtico da Gloria, A Vía Láctea, o Camiños e as súas catedrais e Visitantes virtuais. A sesión pirotécnica traduciuse no disparo de máis de 4.200 artefactos.

Taxi e La Máquina del Tiempo na Quintana
Tras os fogos, a festa continuou durante toda a noite nas ateigadas rúas de Compostela. Algúns optaron por desprazarse ata a praza da Quintana para escoitar a Taxi e La Máquina del Tiempo, e outros por bailar ao ritmo da orquestra Cinema na Alameda.

Compartir: