FESTAS

Compostela enxalzará o traxe galego nunha completa xornada nas Festas do Apóstolo

23/07/2011 O concelleiro Adrián Varela e a presidenta da Asociación do Traxe Galego, Rita María Miramontes, presentaron as actividades do XXXIII Día do Enxalzamento do Traxe Galego, incluído nas Festas do Apóstolo 2011. Celebrarase o martes 26 de xullo e repartirá 3.600 euros en premios.

As actividades comezarán ás 11:30 horas coa concentración dos participantes na Alameda. O desfile sairá ás 12:15 horas e percorrerá Porta Faxeira, Toural, rúa do Vilar e Praterías, para chegar finalmente á praza do Obradoiro. Tras unha misa na Catedral e a ofrenda ao Apóstolo, a delegación será recibida no Concello pola Corporación municipal.

Xa pola tarde celebrarase o certame de traxes en San Domingos de Bonaval, a partir das 16:00 horas. Alí, os traxes dos participantes serán avaliados polo xurado e fotografados no claustro do Museo do Pobo Galego.

Ás 19:30 horas, partirá dende Bonaval o desfile, no que participarán tanto os concursantes como os membros da Asociación do Traxe Galego e outros convidados ataviados co traxe tradicional. A comitiva pasará por Casas Reais, Cervantes, Preguntoiro, rúa Nova, rúa do Vilar, Praterías e Conga. Entrará na praza da Quintana pola rampla entre San Paio e a Casa da Conga. Logo, o desfile continuará no escenario.

Aproximadamente ás 20:00 horas, celebrarase a exhibición de traxes e a entrega de premios na propia praza da Quintana. Nesta ocasión repartiranse 3.600 euros en premios. Haberá galardóns de 500 euros para os mellores traxes antigos completos, tanto na categoría masculina como na feminina. No caso do traxe de cotío, os dous premios serán de 300 euros. Na categoría de traxe moderno, entregarase un primeiro e un segundo premio de 350 e 250 euros, respectivamente, tanto en homes como en mulleres.

Os nenos e nenas que vistan os mellores traxes tamén recibirán agasallos conmemorativos. Finalmente, haberá un premio especial de 600 euros para o mellor grupo de máis de 10 persoas e outro de 200 euros á mellor peza ou conxunto de pezas antigas que non compoñan un traxe completo. Os actos rematarán coa interpretación do Himno Galego.

Documentos relacionados



Compartir: