ALCALDÍA

O alcalde quere que a organización da Copa Davis sexa "un proxecto de toda a cidade"

22/07/2011 O alcalde compostelán, Xerardo Conde Roa, sostén que a organización da semifinal da Copa Davis "só pode traer resultados positivos para cidade". Así o indicou na presentación aos medios de comunicación da candidatura de Santiago de Compostela a ser sede desta competición internacional entre España e Francia que se celebrará os días 16, 17 e 18 de setembro.

De ser elixida Santiago como sede da semifinal da Copa Davis, indicou o alcalde, "demostraríamos a España e ao Mundo que podemos organizar un evento deportivo de primeiro nivel". Neste sentido, afirmou que a presentación desta candidatura é, por si mesma, "unha mensaxe relativa a que Santiago quere competir por organizar eventos destas características, deportivos e noutros ámbitos".

Conde Roa falou da "gran proxección mediática" deste evento e da súa repercusión na cidade "dende o punto de vista deportivo, económico e turístico". Por todo isto, considera que este é "un proxecto de toda a cidade", polo que solicitou "o apoio e respaldo da cidadanía" e de "todos os sectores da cidade". Tamén expresou o seu desexo de contar co respaldo dos grupos políticos da Corporación.

Proxección de Santiago e da Cidade da Cultura
Sobre a elección da Cidade da Cultura como escenario para a pista da competición, o rexedor municipal recordou que este complexo é xa "o gran proxecto cultural de Santiago e de Galicia no século XXI, polo que estimou que este evento deportivo pode ser "unha das maiores proxeccións cara o futuro" do mesmo. Indicou que nin o estadio de San Lázaro nin o Multiusos do Sar cumprían cos requisitos esixidos pola Federación Española de Tenis.

Seguindo co ámbito da promoción turística, Conde Roa referiuse tamén aos vínculos de España con Francia a través do Camiño, engadindo un compoñente de "solidariedade turística que axudaría á promoción". Apuntou igualmente que Santiago "cumpre sobradamente" coas esixencias da organización en canto a planta hoteleira e que agarda que poidan chegar xentes de diversos lugares de España e da propia Francia para presenciar a competición. Como dato ilustrativo, recordou que na eliminatoria de cuartos de final, 1.500 españois desprazáronse ata a localidade estadounidense de Austin.

Custo soportable para a cidade
A propósito do financiamento, indicou que se farán públicos se efectivamente Santiago resulta elixida como sede, pero dixo que o custo estaba "moi lonxe" dalgunhas cantidades baralladas. En calquera caso, cualificou o evento como unha "inversión", compartida no ámbito deportivo e de proxección da cidade.

Se ben a Federación Española de Tenis ten un patrocinador principal, explicou que hai "fórmulas indirectas" para que "a repercusión económica sexa perfectamente soportable para a cidade". Puxo como exemplo de retorno económico do custo o feito de que o Concello recibe o 40% do recadado pola venda de entradas. Ademais, agradeceu o apoio do Goberno galego neste tema.

Preguntado polos xornalistas, o alcalde tamén quixo tranquilizar aos clubs deportivos da cidade, indicando que "matemos os compromisos cos clubs; isto non vai impedir que se cumpran os obxectivos cos clubs e así se reflectirá nos orzamentos de 2012". Puxo como exemplo disto que nas devanditas contas irá un campo de herba artificial en Conxo.

Condicións axeitadas e alto nivel competitivo
Na rolda de prensa tamén participou o director técnico da Federación Galega de Tenis, Marco Casal, quen explicou as características das instalacións que se situarían na Cidade da Cultura: pista central de 42 x 29 metros, dúas pistas de adestramento, gradas para 16.000 persoas, vestiarios, zona de hospitalidade, zona comercial e estacionamentos, conectados estes a través de autobuses lanzadeira.

Casal non cree que exista ningún inconveniente por parte dos xogadores pola altura á que estará a pista, uns 300 metros. Tampouco agarda problemas no meteorolóxico, tras recibir un informe positivo en canto á chuvia e condicións de humidade. Xa no eido deportivo, destacou que entre España e Francia suman 10 xogadores entre os 30 primeiros da clasificación mundial.

Entre todos estes xogadores, o presidente da Federación Galega de Tenis, José Antonio Pereiro destacou loxicamente a Rafael Nadal, que espera poida estar nesa eliminatoria de semifinais. Agradeceu ao Concello a implicación neste proxecto "ilusionante" e de ser elixidos, dixo, "farémolo o mellor posible":

A decisión sobre a cidade finalmente elixida darase a coñecer nos vindeiros días, pois como indicou Pereiro, a Federación Internacional de Tenis esixe saber a cidade organizadora o 1 de agosto. De resultar escollida como sede Santiago, disporíanse duns 40 días para preparar todas as instalacións, explicou o alcalde.

Compartir: