ALCALDÍA

Santiago e a República Dominicana reafirman os seus estreitos vínculos

22/07/2011 O alcalde compostelán, Xerardo Conde Roa, reuniuse co vicepresidente da República Dominicana, Rafael Alburquerque de Castro, e co ministro de Industria e Comercio, Manuel García Arévalo. A Corporación recibiunos logo no Salón Vermello, onde tamén asinaron no Libro de Honra.

Conde Roa agradeceu a visita dos dirixentes dominicanos e indicou que "están abertas todas as portas de colaboración". Neste sentido, recordou os vínculos que unen a este país e a Compostela, tanto históricos como en ámbitos coma o turístico.

Tras lembrar o carácter de cidade de acollida de Compostela e a súa importancia como "xerme da primeira idea de Europa", aludiu tamén a que Santiago "ten estendido o seu nome por todo o continente americano". A unha desas cidades que leva o mesmo nome, Santiago de los Caballeros, referiuse o vicepresidente dominicano, recordando que é "o primeiro Santiago en América", dende 1508. Pero tamén se acordou doutra cidade, cuxo nome en indíxena é Azua, pero que "foi fundada por un galego que a chamou Azua de Compostela".

Rafael Alburquerque tamén tivo palabras de agradecemento aos galegos que "emigraron en tempos difíciles, pero que co seu traballo, entusiasmo e esforzo contribuíron ao progreso e desenvolvemento da República Dominicana". Chegado a este punto, lembrou que o propio ministro de Industria e Comercio, Manuel García, é fillo de pais galegos, e que "cada ano regresa, atraído pola morriña, á terra do seu pai".

Direccións relacionadas



Compartir: