DEPORTES

Santiago de Compostela, candidata a sede da semifinal da Copa Davis

21/07/2011 O concelleiro de Deportes, Adrián Varela, e o presidente do Comité Técnico da Federación Galega de Tenis, Pedro Sánchez Romay, presentarán esta tarde oficialmente en Montjuic (Barcelona), na sede da Federación Española de Tenis, a candidatura de Santiago para ser sede da semifinal da Copa Davis, que España xogará contra Francia os días 16,17 e 18 de setembro.

A Real Federación Española de Tenis decidirá nos vindeiros días a sede desta semifinal do Grupo Mundial, á que optan varias cidades españolas. De ser elixida Santiago como sede, a competición disputaríase na Cidade da Cultura, nunha pista en terra batida instalada para a ocasión. O recinto tería capacidade para albergar máis de 15.000 persoas.

O alcalde de Santiago, Xerardo Conde Roa, comparecerá mañá venres en rolda de prensa para explicar o proxecto. Sobre a presentación da candidatura, cualificouna como "un reto para a cidade". "Máis alá dos beneficios que poida traer dende o punto de vista turístico e promocional da cidade, que van ser moi importantes, está o reto que supón para os santiagueses organizar e sacar adiante un evento destas características", engadiu.

España buscará a súa oitava final da Copa Davis, terceira nos últimos catro años, ante Francia, o equipo que a derrotou en 2010 nos cuartos de final. Ata 10 dos 30 primeiros xogadores do ranking da ATP (Asociación de Tenis Profesional) poderían participar nesta eliminatoria.

Compartir: