FESTAS

Un "picheleiro de pro" abrirá as Festas do Apóstolo máis abertas á cidadanía

19/07/2011 Os concelleiros María Castelao e Adrián Varela presentaron o programa definitivo das Festas do Apóstolo. Estiveron acompañados por Alfonso González Puentes, un compostelán que será nesta edición o encargado de pronunciar o pregón na praza do Obradoiro.

Gañar en calidade pero tamén en participación. Ese é o obxectivo que o Goberno local se ten fixado para as festas da cidade, en palabras de María Castelao. E no marco dese obxectivo de "abrirse á cidadanía" sitúase a elección como pregoeiro de Alfonso González Puentes, o limpabotas do aeroporto de Lavacolla, a quen a edil definiu como un "picheleiro de pro".

Aínda que non naceu en Santiago, traballa na cidade dende 1963. Gran afeccionado á lectura, mesmo é protagonista de oito páxinas da última novela de Camilo José Cela, Madera de boj. Entre os centos de persoas aos que coñeceu nestes anos no aeroporto figura o propio alcalde, Xerardo Conde Roa, co que fraguou unha boa amizade. Foi el, segundo explicou Alfonso González, quen o convenceu para ser o pregoeiro das Festas do Apóstolo. Recoñeceu ter "dúbidas" inicialmente, pero logrou persuadilo e agora di que "imos a ver como me sae".

Este pregoeiro tan compostelán será o encargado de abrir unhas festas que, malia a austeridade, "gañaron en calidade", afirmou María Castelao. Ademais, a concelleira destacou o feito de que, nesta ocasión, a organización recae case exclusivamente no Concello, coa excepción dos dous concertos promovidos pola Xunta de Galicia e pola Deputación da Coruña.

Adrián Varela foi o encargado de repasar ao completo o programa dos once días das Festas, que comezarán o xoves 21 co devandito pregón dende os balcóns de Raxoi e co concerto na Quintana de La Unión, presentado por El Pulpo.

Luz Casal, concerto pop e Berrogüetto
Ao día seguinte, un Concurso de Traxes de Época abrirá unha xornada que contará co concerto de Luz Casal na praza da Quintana. Para o sábado 23 queda a exposición de coches antigos, unha proba de autocross, o teatro de rúa con Os Quinquilláns e a actuación da orquestra Nova Palma no Paseo Central da Alameda.

O domingo 24 é o día dos Fogos do Apóstolo. Durante o tempo que duren, a partir das 23:30 horas, interromperase o concerto que esa noite, na Quintana, ofrecerán os grupos Cornelius 1960, La Máquina del Tiempo e Taxi, que chegan a Compostela da man de Cadena 100. Os máis clásicos terán música na Alameda coa orquestra Cinema.

No día grande, o 25 de xullo, terá lugar a tradicional Ofrenda ao Apóstolo. Pola noite actuará Berrogüetto e celebrarase, neste caso no Paseo dos Leóns da Alameda, o primeiro dos concertos do ciclo denominado Emerxentes. Tocarán Tapiporla e Sinestesia. As Festas non faltarán á súa cita co Día do Traxe Galego o martes 26. Ese día, novo concerto de Emerxentes, desta vez con Meiga do Norte, Sarabia e Crying Wolf.

Concerto triplo, teatro, Vetusta Morla e Rafael Amargo
O mércores 27 celebrarase o Día de Padrón en Santiago. Ademais, haberá unha estrea teatral no Principal, coa obra Loca, protagonizada por Blanca Marsillach, quen repetirá ao día seguinte. No eido musical, dous concertos: un, dos 40 Principales, com El Pescao, Ragdog e Zenttric; o outro, para pechar Emerxentes, con Liridade Noctámbula, Tramaturgia, Pa La Peña e Comando Katana.

A xornada do xoves 28 será a do concerto de Vetusta Morla na Quintana. Antes, inchables, animación itinerante, títeres e ludoteca no Día do Neno.

O venres 29, o que estará na Quintana será Rafael Amargo co seu espectáculo Amor Amargo. Esa noite, Lou Reyes y los Astros no Paseo dos Leóns.

Deporte e fogos artificiais
Un partido de fútbol de veteranos entre o Celta e o Compostela en Santa Isabel porá a nota deportiva ao sábado 30, día no que tamén se celebran as Xornadas de Folclore Galego. A música porana Esguince Paleo Rock Band e Versión B no Paseo dos Leóns e o Combo Dominicano no Paseo Central da Alameda.

As festas pecharaas o domingo 31 o concerto de Modestia Aparte, formación acompañada para a ocasión polos cantantes dos grupos Taxi, Siniestro Total e Guaraná. Mentres estes tocan na Quintana, no Campus Sur estalará o castelo de fogos artificiais.

Cómpre lembrar tamén a celebración do Torneo de Pádel , do 27 ao 29, ou do tradicional Torneo de Chave, do 28 ao 30. Ademais, celebrarase un espectáculo de luz e son na praza do Obradoiro, cada día, do 25 ao 30 de xullo

Documentos relacionados



Compartir: